Aberto o prazo para que as Anpas de centros de educación especial soliciten axudas para financiar as súas actividades

A Consellería de Cultura e Educación habilita unha partida de case 74.000 euros co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento das actuacións e a gastos de xestión, material e mantemento das instalacións das confederacións, federacións e ANPAs de centros de educación especial

Ven, 29/04/2016 - 12:46

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar as axudas para financiar actividades das confederacións e federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para este ano.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas dotada cunha partida de 73.674 euros (pode consultarse no enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160429/AnuncioG0164-150416-0004_gl.html ). O obxecto desta convocatoria é contribuír ao desenvolvemento das actividades e a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material e mantemento ordinario das instalacións.

As entidades interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 30 de maio para facer a correspondente solicitude, que deberá presentarse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, e xuntar toda a documentación que se require.

A Consellería de Cultura e Educación consolida a contía para tal fin, logo de que o ano pasado –en aras dunha mellor atención ao alumnado con necesidades educativas específicas- a incrementara nun 40 por cento con respecto a exercicios anteriores. 

Na convocatoria de 2015 resultaron beneficiadas un total de 34 entidades que aglutinan a confederacións, federacións e asociacións de pais de alumnos de centros de Educación Especial censados na Consellería. Neses casos, os importes das axudas oscilaron entre os 950 e os 9.109 euros