O Observatorio Autonómico da Convivencia Escolar celebrou hoxe a súa reunión anual

A este órgano incorporáronse membros de recoñecido prestixio no eido da mellora do clima nas aulas

Ven, 17/12/2010 - 14:24

O Observatorio Autonómico da Convivencia Escolar, que renovou hoxe os seus membros, vén de constituír a Comisión Permanente que formulará ao pleno deste órgano as propostas para a mellora da convivencia nos centros educativos.

Na sesión celebrada hoxe incorporáronse ademais ao Observatorio membros de recoñecido prestixio, como  o Fiscal de Menores de Galicia, Carlos Mariscal de Gante; a especialista en trastornos conductuais e membro do equipo de orientación específico da Coruña, Rosa Cazón; e a profesora da Universidade de Vigo Mª Carmen Pereira Domínguez, especialista na investigación da educación en valores e a intervención pedagóxica.

Tal e como explicou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, “existe unha demanda latente por parte  dos profesionais da educación de recoñecemento do seu labor e de dotación de ferramentas que permitan atallar dun xeito inmediato e eficaz as eventuais condutas que atenten contra o normal desenvolvemento da actividade docente”, polo que a reunión celebrada esta mañá cobra especial importancia.

Vázquez Abad explicou neste sentido que o departamento do que é titular está a traballar na redacción dunha norma de rango legal que cree e reforce os instrumentos xurídicos que permitan mellorar a convivencia nos centros educativos e o recoñecemento da función social do docente, así como a participación das nais e pais; e cuxas liñas expuxo diante do Observatorio.

Nesta nova fase de traballo o Observatorio traballará en propostas para que o alumnado galego acade os máximos niveis de competencia social e cidadá, relacionadas coa promoción da convivencia e a resolución pacífica dos conflitos; reducindo, ao tempo, ao mínimo o fracaso escolar.

Balance

No encontro de hoxe fíxose un balance das medidas que Educación vén adoptando no que vai de lexislatura neste sentido, entre as que destacou o funcionamento o pasado curso de 102 aulas de atención educativa e convivencia, nas que participaron máis de 3.000 alumnas e alumnos; o Plan PROA; Programa de Apertura de centros fóra do horario lectivo, entre outras.

Nesta liña, o Plan anual de Formación do Profesorado contempla este curso actividades directamente relacionada coa convivencia, tales como a educación emocional ou a formación en valores.

Asemade, os representantes da Consellería valoraron a importancia que para o fomento da convivencia en colexios e institutos representa a rede de orientación de Galicia, que conta con preto de 800 profesionais. Así, fíxose fincapé no seu labor como dinamizadores das medidas curriculares e organizativas de atención á diversidade, e como promotores de accións tendentes ao éxito escolar e á educación inclusiva.