Cultura e Educación abre o prazo para que os centros soliciten incorporarse ao proxecto de libro dixital ‘E-DIXGAL’

O obxectivo é que os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 9.000 alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º de ESO

Xov, 21/04/2016 - 13:15
Cultura e Educación abre o prazo para que os centros soliciten incorporarse ao proxecto de libro dixital ‘E-DIXGAL’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de abrir o prazo para a participación dos centros escolares no proxecto de libro dixital E-DIXGAL. Esta iniciativa ten como finalidade favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación no desenvolvemento da actividade educativa.

O obxectivo é que no vindeiro curso 2016/2017 os materiais dixitais, que son totalmente gratuítos para as familias, cheguen a un total de 9.000 alumnas e alumnos de 5ºe 6º de primaria e 1º e 2ºde ESO.

Segundo a resolución que se publica hoxe no DOG (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160421/AnuncioG0164-140416-0001_gl.html ) poderán optar a esta nova convocatoria os centros de ensino adscritos á rede Abalar que impartan o vindeiro curso 5º de Primaria ou 1º de ESO, aínda que a idea é que se poidan ampliar a outros cursos nos anos seguintes. Para solicitaren a súa participación na iniciativa terán que presentar un proxecto explicando o modelo organizativo e metodolóxico previsto para a implantación do proxecto e as experiencias TIC desenvolvidas no centro durante os últimos cursos. Ademais, os centros terán que propoñer a unha persoa coordinadora do E-DIXGAL, preferentemente con experiencia no desenvolvemento de metodoloxías didácticas innovadoras, nas TIC e na organización de grupos de traballo.

O prazo para cursar a solicitude estará aberto ata o 21 de maio e deberá facerse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.es ).

Plataforma virtual

Os contidos didácticos albérganse nunha plataforma de aprendizaxe virtual á que os alumnos poden acceder -tanto de xeito online como offline- a contidos curriculares completos e gratuítos para as familias facilitados pola Xunta como a aqueles elaborados polos propios docentes dos centros educativos.

Como novidades destacadas a plataforma contará cunha ferramenta de autor para a creación de contidos educativos dixitais e unha versión do cliente offline para dispositivos móbiles.

No presente curso utilizan estes materiais en 104 centros educativos nos cursos 5º e 6º de Educación Primaria e 1º de ESO.