Valentín García entrega os premios do IV Rally Matemático e científico sen fronteiras

A iniciativa, promovida por Igaciencia, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística

A superfinal celebrarase en Toulouse o vindeiro 13 de maio

Ven, 08/04/2016 - 20:05
Valentín García entregou os premios do IV Rally Matemático e científico sen fronteiras
Valentín García entregou os premios do IV Rally Matemático e científico sen fronteiras

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía no acto de entrega de premios do IV Rally Matemático e Científico sen Fronteiras. A iniciativa, promovida pola Institución Galega da Ciencia, Igaciencia, conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Valentín García gabou o traballo de Igaciencia para achegarlle a investigación á sociedade sempre en galego, “co afán de demostrar a validez da nosa lingua para a produción e a divulgación científicas”. Neste sentido, felicitou a todos os escolares participantes polos seus traballos e incidiu na importancia de “implicar a mocidade no uso e na visibilidade social do idioma propio de Galicia”.

No acto, que se desenvolveu na Facultade de Químicas da USC, participaron tamén Manuel Díaz e Inés Ben, responsables de Igaciencia; e a decana desta facultade, Mª del Pilar Bermejo.

Os centros gañadores desta final galega participarán na superfinal que se celebrará en Toulouse o vindeiro 13 de maio, canda outros centros doutras comunidades españolas e francesas. Galicia leva concorrendo a ela desde hai xa 24 anos.

Colaboración con Igaciencia

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia o labor de divulgación social da ciencia en galego que realiza a Institución Galega de Ciencia, Igaciencia. Ademais de colaborar neste Rally Matemático e Científico sen Fronteiras, patrocina, xunto con EducaBarrié, o concurso Inventa en Galego, dirixido a alumnado de educación non universitaria e apoia diferentes iniciativas como exposición Arte e Ciencia ou outras organizadas cada ano para conmemorar cada novembro o Mes da Ciencia en Galego. Máis información en www.igaciencia.eu.

Menús News node R