Román Rodríguez gaba o traballo da Rede de Bibliotecas Escolares como referentes “a nivel galego, estatal e europeo”

O conselleiro de Cultura e Educación participou nos Encontros do Plambe 2015/2016, ao que este ano están adheridos 575 centros

Subliñou a importancia das bibliotecas de cara aos novos retos, que pasan por abordar a lectura dixital e reforzar as competencias

Ven, 08/04/2016 - 10:55
O conselleiro de Cultura e Educación participou nos Encontros do Plambe 2015/2016
O conselleiro de Cultura e Educación participou nos Encontros do Plambe 2015/2016

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, gabou hoxe o traballo que desenvolve a Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, pois é unha “referencia para o conxunto dos centros educativos galegos, unha referencia a nivel estatal e unha referencia europea”. Así o subliñou durante a segunda xornada dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) 2015/2016, onde lembrou os diferentes recoñecementos colleitados polas bibliotecas con PLAMBE ao longo destes anos, tanto no resto de España como alén das nosas fronteiras.

Neste contexto, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia explicou que estes recoñecementos demostran o labor do Goberno galego a prol das bibliotecas, así como o “esforzo cotián de todos os profesores”, que cada ano amplían os seus coñecementos ao abeiro deste tipo de encontros.

Preto de 600 centros con PLAMBE

De feito, esta xuntanza pretende fomentar un espazo de debate e intercambio de ideas e experiencias arredor dos ámbitos de actuación da biblioteca escolar, a lectura, a información e a aprendizaxe. Este ano acudiron 145 responsables de bibliotecas integradas no programa, así como representantes da totalidade de centros que compoñen a Rede.

En concreto, este curso hai xa 575 centros educativos adheridos, unha cifra que proba -en palabras do conselleiro- que a Rede “se fortalece, sumando tanto centros como proxectos educativos”. De feito, e ademais de invitar á reflexión conxunta, nestes encontros tamén se presentan varios dos traballos galardoados no II Concurso de Traballos por Proxecto, coordinados ou apoiados desde a biblioteca escolar.

Espazo para a lectura e a innovación

Esta senda de consolidación das bibliotecas escolares como un dos puntos centrais dentro do proceso educativo aséntase en resultados estatísticos. Segundo as cifras do curso pasado, no 94% dos centros PLAMBE, o alumnado fai uso cotián da biblioteca para potenciar a súa aprendizaxe. Ademais, no 91% están integradas as TICs nas diferentes actividades, no 84% dedícase un tempo específico para a lectura en horario lectivo (denominado ‘hora de ler’) e no 81% promóvense proxectos de innovación educativa.   

A maiores, estes espazos fomentan a implicación das familias. De feito, o 51% das bibliotecas con PLAMBE organizan actividades destinadas especificamente ás familias do alumnado, mentres no 54%, os familiares colaboran directamente en iniciativas da propia biblioteca.

Segunda fase do Plan LÍA

Así mesmo, Román Rodríguez remarcou a importancia das bibliotecas escolares de cara a afrontar os novos retos, que pasan por abordar a lectura dixital ou reforzar as competencias do alumnado en, por exemplo, no uso, tratamento e produción da información. Ante estes novos desafíos, o conselleiro explicou que o seu departamento está avanzando nunha segunda fase do Plan LÍA para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe.