O alumnado dos conservatorios profesionais de música de Galicia homenaxeará aos trobadores na edición de 2016 de ‘No bico un cantar’

A iniciativa promovida pola Consellería de Cultura e Educación e o Consello da Cultura Galega reunirá a medio milleiro de rapaces en Cangas o vindeiro 3 de xuño

A actividade busca poñer en valor a formación musical que se imparte neste centros e promover o coñecemento da literatura galega entre os máis novos

Mar, 05/04/2016 - 13:21
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presentaron esta mañá a actividade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presentaron esta mañá a actividade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega promoven ‘ No Bico un Cantar 2016’, a cuarta edición desta iniciativa na que se funden música e poesía e que neste ano rende homenaxe aos trobadores. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presentaron esta mañá a actividade, que se desenvolverá en Cangas o 3 de xuño. A rolda de prensa contou ademais coa participación do director artístico do concerto, Maximino Zumalave; do concelleiro de Cultura de Cangas, Héitor Mera; e coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e de Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG.

O conselleiro sinalou esta iniciativa como unha oportunidade única para poñer en valor a formación musical que se imparte nas escolas e conservatorios públicos de Galicia, ao tempo que se promove o coñecemento por parte dos máis novos da obra dos trobadores galegos, “dos versos case que fundacionais das nosas letras” que son, ademais, musicados por grandes compositores da nosa terra: Heitor Villa-Lobos, Rogelio Groba, José Baldomir e Juan Durán.

Román Rodríguez lembrou o papel fundamental ao longo da historia da música, tanto como vehículo de transmisión cultural como na propia educación. Neste sentido salientou a ampla rede de conservatorios e escolas públicas de música existentes en Galicia, que permiten o acceso á cidadanía a unha formación de calidade nunha disciplina que xa na Grecia clásica era parte fundamental do ensino.

O conselleiro quixo, ademais, agradecer ao Consello da Cultura Galega e ao Concello de Cangas a súa implicación na organización desta cuarta edición de ‘No Bico un Cantar’, e manifestou a súa confianza en repetir o éxito de anos anteriores.

Lírica galego-portuguesa

Despois do éxito das tres anteriores edicións, dedicadas a Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Ramón Cabanillas e celebradas en Santiago de Compostela, Celanova e Cambados, respectivamente; ‘No Bico un Cantar’ recolle este ano a tradición trobadoresca nas voces e instrumentos do alumnado dos conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento do quinteto de metais ‘Hércules Brass’.

Nesta edición interpretaranse 5 pezas, das que unha delas se estreará no concerto. Trátase da cantiga ‘Pois nosas madres’, da autoría de Pero Viviaez e con música de Rogelio Groba para coro infantil e sexteto de metal encargada para a ocasión. O alumnado participante no concerto interpretará, ademais, ‘Canción do mariñeiro’, da autoría de Lourenço e con música de Héctor Villa-Lobos;  ‘Quanto sabedes amar-Ondas do mar de Vigo’, con texto e música de Martín Códax; e ‘Rosa das Rosas’, da que é autor e compositor Alfonso X O Sabio. Así mesmo soará ‘Maio longo’, de Rosalía de Castro, con música de José Baldomir.

Agás no caso da peza que se estrea, o compositor Juan Durán foi o encargado de facer as versións e arranxos pertinentes nas partituras. Así mesmo, os textos foron revisados por Henrique Monteagudo.