Román Rodríguez anuncia unha nova estratexia na FP para a próxima década e pide a colaboración do empresariado galego

Durante a súa intervención no Fórum Europa Tribuna Galicia, o conselleiro de Cultura e Educación avanzou un novo impulso á FP Dual para conseguir que esta modalidade “responda ás demandas dos nosos sectores produtivos”

O titular do departamento educativo do Goberno galego o sistema educativo como “a maior vantaxe competitiva dun país”, tanto para o desenvolvemento económico como para garantir a cohesión social

Salienta que a Xunta comezou un proceso de modernización no ensino, introducindo novas materias e metodoloxías, impulsando o coñecemento das linguas estranxeiras e promovendo as novas tecnoloxías; co fin de loitar contra o abandono educativo temperán e incrementar as persoas con estudos superiores

Mar, 05/04/2016 - 11:02
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez no almorzo informativo Fórum Europa Tribuna Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez no almorzo informativo Fórum Europa Tribuna Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou hoxe a próxima elaboración dun documento estratéxico de planificación en torno á Formación Profesional. “O horizonte é ambicioso: unha nova estratexia na FP para a próxima década”, salientou durante a súa intervención no almorzo informativo Fórum Europa Tribuna Galicia, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago.

Ante un público eminentemente académico e empresarial, Román Rodríguez pediu a colaboración activa do empresariado galego, sobre todo das pequenas e medianas empresas, para abordar os vindeiros retos dun xeito conxunto. O obxectivo pasa por artellar unha Formación Profesional “que responda ás demandas dos nosos sectores produtivos”, á sociedade tecnificada deste século, e aumente a cualificación e empregabilidade do capital humano.

“Necesitamos –recalcou o conselleiro– que os alumnos aposten pola FP. Pero sobre todo necesitamos que as empresas crean na FP”. Neste contexto, lembrou o cambio experimentado na Formación Profesional nos últimos anos, unha “auténtica revolución silenciosa”, en palabras de Román Rodríguez, fundamentada en novos ciclos vinculados coa realidade social de cada zona, na aposta polos Centros Integrados de Formación Profesional, no desenvolvemento de viveiros de empresa e na ampliación da colaboración co mundo empresarial a través das prácticas FCT e da FP Dual.   

Retos da Universidade

Ademais da Formación Profesional, o conselleiro detívose no papel da universidade como “axente de desenvolvemento económico e social de primeira orde”. A maiores de lembrar que hoxe se garante un acceso democratizado a estes estudos superiores, fixo fincapé nos retos de futuro que esta debe asumir ao abeiro do novo Plan de financiamento 2016-2020.

Tal e como explicou, os desafíos pasan por seguir apostando pola especialización dos campus, pola internacionalización e cooperación entre institucións a través do Consorcio Interuniversitario, pola diversificación das fontes de financiamento e por conseguir maiores resultados docentes, de investigación e de transferencia. Precisamente, subliñou a importancia de trasladar eses resultados á sociedade e ao mercado.

Desenvolvemento e cohesión social

Ao longo do seu discurso, Román Rodríguez situou a educación como peza clave tanto na mellora da cualificación das persoas e, por ende, do mercado laboral, como no progreso e benestar da colectividade. Segundo salientou, “a maior vantaxe competitiva dun país e dunha sociedade é o seu nivel educativo”, unha vantaxe competitiva desde o plano económico e social, xa que “sen educación non hai desenvolvemento”, pero tampouco hai “xustiza nin cohesión social”, puntualizou.       

Neste contexto, recordou o esforzo realizado durante a crise para “lograr máis e mellores resultados con menos recursos”. Así, e pese ás dificultades económicas, no ensino non universitario Galicia eríxese como a quinta comunidade de España cun maior gasto público por alumno. E con respecto á Unión Europea, España sitúase por riba da media da OCDE en gasto por estudante en relación ao PIB por habitante.

Ante este escenario, durante os últimos anos levouse a cabo, en palabras do conselleiro, “un proceso de modernización da educación encamiñado a aumentar a calidade do sistema e garantir a súa equidade”. Un cambio de modelo sustentado en novas materias, nun impulso ás linguas estranxeiras e na aposta polas novas tecnoloxías, entre outras iniciativas.

Trátase de ferramentas que, xunto ás novas modalidades de Formación Profesional adecuadas aos sectores produtivos, axudaron a reducir a taxa de abandono educativo temperán –Galicia acadou un 15,7% no último trimestre de 2015– e a incrementar a porcentaxe de persoas de entre 30 e 34 anos que completan estudos superiores.     

Potenciación do talento

Desde o punto de vista da cohesión da poboación, o conselleiro referiuse á escola como un centro de “formación en valores”, onde se debe inculcar o respecto, a solidariedade ou a tolerancia, así como promover a cultura do esforzo e da motivación. Así mesmo, lembrou a función do sistema educativo como garante da igualdade de oportunidades, da atención á diversidade e da potenciación do talento.

Porque unha escola inclusiva “significa recoñecer a diferenza como virtude e a diversidade como capacidade; e significa potenciar as singularidades de cada estudante”, definiu. Ademais, e paralelamente á atención á diversidade, manifestou que un dos obxectivos da escola debe ser o de “axudar a descubrir e fomentar o talento individual”, desenvolvendo, por exemplo, novas competencias ou novas ferramentas e metodoloxías como o Plan Proxecta ou os Contratos-Programa.