O ministro comprométese a impulsar que os estudantes galegos do rural non sexan percudicados na adxudicación de becas

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, transmitiulle persoalmente a solicitude da Xunta de solucionar a situación causada polos novos criterios do Catastro, polos que se sobrevalorarían as construcións agrícolas anexas

Ven, 01/04/2016 - 15:46
O ministro comprométese a impulsar que os estudantes galegos do rural non sexan percudicados na adxudicación de becas
O ministro comprométese a impulsar que os estudantes galegos do rural non sexan percudicados na adxudicación de becas

O ministro de Educación, Cultura y Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, comprometeuse hoxe a impulsar que os estudantes de familias gandeiras non se vexan prexudicados á hora de solicitar unha bolsa de apoio ao estudo. Fíxoo nunha reunión mantida co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, onde o titular do departamento educativo do Goberno galego lle transmitiu persoalmente a petición de solucionar a situación causada polos novos criterios do Catastro, polos que se sobrevalorarían as construcións agrícolas anexas

Ata o momento a vivenda habitual no rural incluía nunha soa referencia catastral os alpendres e outro tipo de construcións agrícolas anexas. Ao abeiro dos novos criterios da Dirección General de Catastro, estas construcións pasarán a ter referencias distintas, coa consecuencia de que se incrementarán os límites patrimoniais previstos nas bolsas do Ministerio. Cómpre lembrar que a vivenda habitual, tanto urbana como rural, se exclúe dos cómputos a estes efectos.

Deste xeito un alpendre pode ser considerado como unha nave industrial cun valor catastral similar ao dunha nave urbana. Porén, mentres que aos inmobles urbanos se lles aplica un criterio redutor para calcular o límite patrimonial, aos rurais non se lles aplica ningunha redución.

Como consecuencia desta situación orixínase unha sobrevaloración dos valores patrimoniais das familias rurais, que imposibilitan o acceso a ás bolsas do Ministerio. Isto podería desembocar nun proceso no que os mozos do rural puideran ver cercenada a súa posibilidade real de acceder ás axudas ministeriais pola sobrevaloración das construcións agrícolas anexas, ao seren equiparadas ás construídas en solo urbano, e ao no contarse con índices correctores que reorienten esta situación.

Cómpre lembrar que Román Rodríguez e a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, acordaran facer esta solicitude ao Goberno central co fin  de que os estudantes de familias gandeiras non se vexan prexudicados cando soliciten axudas de apoio ao estudo.

A importancia do sector

No seu encontro co ministro Román Rodríguez fixo fincapé na importancia do sector gandeiro e agrícola na economía e sociedade galega. Así mesmo, insistiu na importancia de que os rapaces destas familias accedan en igualdade de oportunidades aos estudos superiores, tendo en conta ademais o gasto engadido que supón desprazarse desde o rural ata as poboacións nas que se atopan os campus universitarios.  

Cabe sinalar, ademais, que nestes casos a formación superior pode redundar na modernización das explotacións gandeiras e agrícolas e, como tal, na maior competitividade e futuro do sector. Neste sentido a Consellería está a impulsar o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela  (USC), co fin de que Lugo se converta nun referente na investigación en materia de Agricultura e Veterinaria