A Rede de Políticas de Alfabetización Europea salienta como un exemplo de boa práctica educativa a estratexia para o impulso das bibliotecas escolares de Galicia

O portal eli-net.eu, vencellado á Comisión Europea, recolle as iniciativas postas en marcha neste eido pola Consellería de Cultura e Educación

Dom, 03/04/2016 - 10:15

A Rede de Políticas de Alfabetización Europea (ELINET, vencellado á Comisión Europea) vén de recoñecer a calidade da estratexia posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o impulso das bibliotecas escolares en Galicia ao incluír esta iniciativa entre as recoñecidas como 'Boa Práctica' no portal web eli-net.eu.

En concreto a Rede sinala que a iniciativa fai fincapé no papel das bibliotecas escolares para dotar ao alumnado das competencias de alfabetización necesarias no século XXI, así como nas actividades de voluntariados, clubs de lectura e, en definitiva, de implicación de toda a comunidade educativa que se desenvolven nestes espazos. Así mesmo o portal europeo salienta que o alumnado galego acadou no PISA 2012 uns mellores resultados na competencia lectora ca media dos países europeos que forman parte da OCDE. A referencia pode consultarse no enlace http://www.eli-net.eu/good-practice/examples-of-good-practice/detail/project/improving-school-libraries-in-galicia

Plan Lía

A estratexia para impulso das bibliotecas escolares de Galicia artéllase arredor do Plan Lía, no que se inserta o principal programa, o denominado Plan de mellora de bibliotecas escolares, ao abeiro do que se desenvolven tamén outros programas como ‘Hora de Ler’, que inclúe iniciativas como as ‘Mochilas viaxeiras’, os ‘Clubs de lectura’ ou o ‘Voluntariado de lectura’.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que busca a renovación e actualización das bibliotecas dos centros de ensino non universitario, tanto en equipamentos como en actividades adaptadas ás novas necesidades educativas, non deixa de medrar: integra hoxe a 575 centros de ensino públicos e beneficia directamente a máis de 174.000 alumnos. Respecto do alumnado, o implicado no programa supón unha porcentaxe do 63% do total de alumnos e alumnas que estudan en centros públicos de titularidade da Consellería, xunto coas súas familias.