O Consello Galego de Universidades informa favorablemente o plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011/2015

A Consellería someteu a informe e votación o texto definitivo do acordo para o próximo quinquenio, marcado pola situación financeira que se está a vivir na actualidade e que comezará a aplicarse en xaneiro de 2011

Ven, 10/12/2010 - 22:05
 O Consello Galego de Universidades
O Consello Galego de Universidades informa favorablemente sobre o plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011/2015

O Consello Galego de Universidades (CGU) informou favorablemente sobre o plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia (SUG) 2011-2015 presentado na xornada de onte no encontro mantido en San Caetano.

Tras ser presentado o informe, este foi sometido a consulta co resultado de 8 votos a favor e 4 abstencións, polo que o Plan presentado pola Xunta será remitido ao Consello da Xunta en próximas datas para ser refrendado. No documento aprobado onte recolle unha clara aposta pola eficiencia na xestión dos recursos en beneficio do sistema universitario galego.

Cómpre destacar que neste Plan queda reflectido o alto grado de consenso obtido coas universidades, especialmente tendo en conta que as tres partían de realidades moi distintas. Asemade os asistentes ao Consello destacaron o esforzo desenvolvido pola Consellería de Educación ao longo do presente ano demostrando a vontade de consenso e negociación da administración, e ao mesmo tempo agradecese o esforzo das universidades e o espírito de colaboración do que fixeron gala os tres equipos reitorais.

Deste xeito a administración autonómica da resposta a dúas premisas que rodean ao novo plan de financiamento: por unha banda o aínda vixente remata no presente ano e por outro lado dáse cumprimento ao mandato realizado polo Parlamento no mes de decembro de 2009 para a elaboración do novo plan. Asemade creouse un documento adaptado ás necesidades actuais do ensino universitario e á integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

Novo marco

O novo plan presentado hoxe cumpre coa definición do marco de financiamento moderno, sendo dinámico, flexible, sostible, equitativo e eficiente que permita o cambio e modernización das universidades galegas mediante a planificación de estratexias que faciliten a súa converxencia das universidades tanto do Sistema Español de Universidades como a nivel internacional, no relativo a provisión de servizos docentes e a actividades de desenvolvemento, innovación e transferencia á sociedade.

En canto aos termos cuantitativos asúmese o acordo acadado no pleno do Parlamento, antes nomeado e no que se instaba á Xunta a que o novo plan fora converxendo coa media estatal de financiamento público da universidade medido en porcentaxe de PIB.

Un obxectivo que se prevé lograr a través dunha progresión condicionada pola evolución da situación económica, tendo como obxectivo que o financiamento público do SUG acade o 1,01%, do PIB galego en 2015

Por outra banda os recursos variables do sistema concederanse segundo a actuación real acaída por cada unha das universidades nas dimensións básicas que desenvolven a estrutura financieira do plan. A verificación do cumprimento desas metas efectuarase a través dos indicadores de actuación. A Xunta de Galicia establece como prioridade que as universidades galegas compitan en plano de igualdade, á finalización deste plan, a nivel tanto estatal como internacional.

Comisión de seguimento

Para o control deste diñeiro designarase unha comisión de seguimento do plan que estará integrada por un representante de cada unha das universidades do Sistema Universitario de Galicia; pola persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; pola persoa titular da Dirección Xeral de Orzamentos, da Consellería de Facenda; pola persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, da Consellería de Facenda e pola persoa titular da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, da Consellería de Economía e Industria. Terán como funcións seguir o cumprimento dos compromisos asumidos polos asinantes, resolver as dúbidas e controversias da interpretación das claúsulas, revisar anualmente os resultados obtidos, entre outras situacións que se poidan dar. 

O proceso

Cómpre recordar que o Plan de financiamento presentado hoxe comezou a elaborarse o ano pasado, no mes de abril, un traballo desenvolvido pola Comisión de financiamento e investimentos do CGU no que están representadas as universidades, consellos sociais e os tres partidos políticos con representación parlamentaria. No mes de xullo de 2010 presentáronse as liñas básicas para a elaboración do novo Plan de financiamento 2011-2015 do SUG. A elaboración destas liñas básicas coincidiu no tempo co ‘Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento’, elaborado polo Ministerio de Educación, e que será a folla de ruta que teñen que seguir os integrantes do Sistema Universitario Español. Estas liñas reflicten a necesidade de marcar as pautas para o financiamento nas universidades, entre os que destacan a estabilidade económica, a suficiencia, a eficiencia e a equidade institucional.

Tras as reunións celebradas nos meses de setembro e outubro deuse o visto e prace definitivo ao panel con 20 indicadores que constituirán a base para o cálculo do Financiamento por Resultados desde o 2013, data na que esta previsto que rematen os primeiros contratos programa de cada universidade (2011-2012). Posteriormente sucedéronse os encontros co fin de consensuar os criterios de reparto.

Un traballo que, tal e como recordou hoxe o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad “non é unha cuestión baladí”, xa que hai que lembrar a actual situación económica que provocou una importante baixada nos orzamentos, sendo de preto dun 16% no  global da Xunta de Galicia dos dous últimos anos. Isto fai máis destacable, segundo dixo Vázquez Abad “a aposta do Goberno de Galicia polas universidades nun momento especialmente delicado”, ao blindar os orzamentos universitarios para 2011.

Na reunión, celebrada en San Caetano estiveron presentes os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria e a de Facenda, Xesús Vázquez Abad e Marta Fernández Curras respectivamente. Tamén asistiron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o reitor da Coruña, José María Barja, e os de Vigo e Santiago, Salustiano Mato de la Iglesia e Juan José Casares Long, respectivamente. Xunto a eles estiveron os presidentes dos consellos sociais das universidades, os representantes designados polo Parlamento, e o director da Axencia da Calidade do Sistema Universitario Galego, José Eduardo López. Ademais con motivo da presentación do novo Plan de financiamento estivo presente o director xeral de Orzamentos da Consellería de Facenda, Miguel Corgos.