A Biblioteca ESAD aposta polo teatro en galego coa publicación de obras de Xaime Quintanilla e Jean Genet

Política Lingüística, a Editorial Galaxia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia presentaron hoxe en Vigo dous novos volumes desta colección

Ven, 10/12/2010 - 16:55

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, presentou hoxe na Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) os dous novos volumes da Biblioteca ESAD Textos. Trátase, por unha banda, de Alén, de Xaime Quintanilla, e, por outra, das obras do dramaturgo francés Jean Genet As criadas e O balcón. Deste xeito, a Biblioteca ESAD Textos, que promoven a Editorial Galaxia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a ESAD, suma dous novos volumes á súa colección, que inclúe textos dramáticos de grandes autores de todo o mundo vertidos ao galego e editados por especialistas.

Durante a rolda de prensa, na que tamén participaron o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema, e o director da ESAD, Manuel F. Vieites, o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, asegurou que o proxecto da Biblioteca ESAD ten como obxectivo, por unha banda, “fomentar a edición en galego de textos especializados para poder dar resposta ás demandas de público diferente”. Por outra banda, o secretario xeral salientou, en relación cos profesionais do teatro, que esta colección pon á súa disposición “material de calidade para levaren aos escenarios obras de recoñecidos autores de todo o mundo en lingua galega”. “Outros obxectivos vinculados con esta iniciativa –engadiu Anxo Lorenzo– son o fomento da proxección da literatura en lingua galega e a promoción da incorporación doc galego, a través do teatro, ás actividades de lecer”.

Os novos volumes da Biblioteca ESAD

Respecto dos últimos volumes da Biblioteca ESAD publicados por Galaxia, cómpre indicar que a obra Alén, de Xaime Quintanilla, que veu a luz por primeira vez en 1921, propuxo un cambio de paradigma na escrita dramática da época. Trátase dunha comedia dramática que transcorre en Nova York e a través da que se recrea a peripecia dunha sociedade espiritista que agarda a volta do seu mestre desde o mundo das tebras, pero tamén a historia dun amor imposible que se refuxia na saudade.

O outro dos volumes presentados hoxe recolle dúas obras do escritor francés Jean Genet: As criadas e O balcón. Estas dúas pezas reflicten un dos motivos recorrentes na obra dramática do escritor, o da vida como un xogo de máscaras, que incide na condición humana como a superposición de numerosos roles que se combinan de forma permanente.

A Biblioteca ESAD constitúe unha serie dedicada a obras teatrais de recoñecidos autores traducidas ao galego. Desde a súa posta en marcha, en 2009, publicáronse, ademais das obras que se presentaron hoxe, estoutras: Calígula e O malentendido, de Albert Camus; A Electra acáelle o loito, de Eugene O’Neill; unha obra que reúne as pezas Cartas de amor a Stalin, Himmelweg e A paz perpetua, de Juan Mayorga; a Obra dramática completa de Sarah Kane; e Catro pezas, de Caryl Churchill.

Declaracións de Anxo Lorenzo