A Consellería de Cultura e Educación ten previsto investir 2,6 millóns de euros na construción dun novo CEIP en Pazos de Rei (Tui)

O secretario xeral técnico explicou na Consellería que a obra está contemplada no programa operativo 2014-2020
Mér, 09/03/2016 - 13:10

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto investir 2,6 millóns de euros na construción dun CEIP en Pazos de Rei, na localidade pontevedresa de Tui, unha obra que xa aparece contemplada no programa operativo 2014-2020 do departamento educativo da Xunta e para a que a xa se conta cunha parcela de 14.000 metros cadrados.

Así o explicou o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, na Comisión 4ª do Parlamento, onde asegurou que neste momento o actual CEIP ten unha ratio de 18-20 alumnos por aula, polo que non se pode falar en ningún caso de saturación do centro. Neste sentido lamentou que non se valoren os esforzos económicos da Xunta tanto no referido á mellora de infraestruturas e construción de novos centros como na dotación económica que supón a prestación dos servizos complementarios de transporte e comedor escolar, máis tendo en conta a situación económica dos últimos anos.

A este respecto cabe sinalar que desde 2009 se puxeron en marcha 10 centros educativos e que este ano a Consellería conta cun orzamento de máis de 25 millóns de euros soamente para obras en centros educativos, do que un 30% vai dedicado á provincia de Pontevedra.

Posibilidade de ampliación

Segundo explicou o secretario xeral técnico o novo colexio de infantil e primaria de Pazos de Rei será un centro de liña 1, é dicir, contará con 9 aulas, unha por curso, para unha capacidade máxima de 25 alumnos por aula.

Aínda que non se contempla  un incremento de escolarización naquel entorno para os vindeiros anos, o proxecto do novo centro contará coa posibilidade de ampliación a 2 liñas de infantil e primaria se fose necesario por producirse un incremento de alumnado.