O conselleiro de Educación comproba os beneficios da ampliación da velocidade de conexión a internet en centros educativos de Ourense e Lugo

Xesús Vázquez Abad visitou o ourensán IES As Lagoas, e o Ánxel Fole, de Lugo, onde se vén de pasar de 10 a 100 Mbps

Xov, 09/12/2010 - 12:13
O conselleiro de Educación comproba os beneficios da ampliación da velocidade de
O conselleiro de Educación comproba os beneficios da ampliación da velocidade de conexión a internet en centros educativos de Ourense e Lugo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, comprobou hoxe os beneficios que a ampliación da velocidade de conexión a internet que a Xunta de Galicia está a desenvolver ten no día a día dos centros de ensino. Así, o conselleiro visitou os IES As Lagoas, en Ourense, e Ánxel Fole, en Lugo, onde se vén de mellorar dita conexión pasando dos 10 aos 100 Mbps, co fin de acadar un uso máis produtivo das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) que se utilizan como recursos educativos nestes institutos. Con este obxectivo, ata 90 centros verán aumentada a velocidade da súa conexión a internet este curso, nunha iniciativa que sitúa os centros educativos públicos de Galicia  na vangarda do Estado neste aspecto.

Con este novo paso trátase de dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o ABALAR, de integracións das TIC no sistema educativo. No que respecta a mellora da conectividade dos centros educativos, o novo servizo é posible grazas á posta en marcha pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia do Plan Director de Banda Larga de Galicia.

Xesús Vázquez Abad tivo a oportunidade de comprobar os efectos da mellora velocidade de subida e baixada das conexións de ambos os dous institutos empregando unha ferramenta de medición de velocidade. Así mesmo, comprobou como un recurso que antes do cambio tardaba en se descargar varios minutos, agora está listo en poucos segundos. Non en balde, a nova velocidade de acceso á rede Internet permitirá aos estudantes un acceso ata dez veces máis rápido aos diferente recursos na rede, e mesmo o acceso simultáneo de máis usuarios. Deste xeito o alumnado poderá facer un acceso máis efectivo, sen esperas ou contratempos.

O conselleiro destacou a importancia da utilización da banda larga nestes centros, do que se beneficiarán os 565 alumnos e alumnas do IES Ánxel Fole, e os 702 do de As Lagoas; e fixo fincapé no esencial que esta ampliación da velocidade resulta para os 98 alumnos de 1º da ESO do instituto ourensán que participan este curso no primeiro ano do Proxecto Abalar.

Na súa visita ao instituto ourensán o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e polo equipo directivo do centro. En Lugo acompañaron ao titular do departamento educativo da Xunta a delegada provincial, Raquel Arias, e o xefe territorial de Educación en Lugo, José Jesús Ramos Ledo.

Compromiso con Ourense e Lugo

Doutra banda, o conselleiro de Educación reiterou o compromiso do departamento que dirixe coas comunidades educativas das cidades de Ourense e Lugo. Así, no caso da cidade das Burgas, referiuse aos máis de 5,4 millóns de euros que a Consellería investiu este ano en obras e equipamento dos seus centros educativos, dos que 17.000 corresponderon a reformas no propio IES As Lagoas. Respecto da capital lucense, Vázquez Abad explicou que se tiñan invertido nestes traballos de mellora e ampliación máis de 1,2 millóns de euros no 2010, dos que 22.700 euros se destinaron a reformar as canalizacións e instalacións de auga do instituto Ánxel Fole.