A Formación Profesional galega amosa a súa excelencia no III Campionato de sumillería ‘Suso Domínguez’, organizado polo CIFP Carlos Oroza

Trece centros de ensino de Galicia e Portugal participaron no certame, que homenaxea a figura dun profesor do centro xa falecido

Xov, 03/03/2016 - 15:25

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, José Manuel Pinal, participou hoxe na entrega dos premios do III Campionato de Sumillería ‘Suso Domínguez’, un certame que cualificou como un “bo exemplo de aproveitamento de sinerxías e colaboración entre estamentos a prol do achegamento da formación á realidade laboral”.

Durante a súa intervención o director xeral sinalou o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza como un centro de referencia en todo o noroeste da provincia de Pontevedra, punteiro no sector turístico galego, do que saen cada ano un 400 alumnas e alumnos das diferentes especialidades. “Trátase, ademais,- dixo- dun centro pioneiro á hora de desenvolver proxectos de FP Dual, e conta na actualidade con tres ciclos nesta modalidade”.

Novas instalacións

O director xeral lembrou ademais que o CIFP vén de estrear as novas instalacións, tras as obras de ampliación realizadas, en concreto a construción dun novo volume de case 1.700 metros cadrados, composto por un baixo e outras dúas plantas, cun investimento de máis dun millón de euros.

“Un esforzo nun centro comprometido tamén coa innovación, a través da que se leva a cabo a necesaria transferencia de coñecemento entre centros e empresa, e viceversa”, explicou, destacando que a Consellería traballa “co obxectivo de mellorar a inserción laboral dos nosos mozos e mozas, así como o tecido produtivo do noso país.

Homenaxe a un docente exemplar

Un total de 13 centros amosaron a súa excelencia neste concurso, organizado polo CIFP Carlos Oroza, nomeadamente os 8 que compoñen a Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría - CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); e polos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz, Sanxillao (Lugo) e de Vilamarín-, a Escola Naval Militar ESENGRA (Ferrol) e 4 Escolas de Hostalería e Turismo de Portugal, en concreto as de Viana do Castelo, Douro-Lamego, Coímbra e Oporto.

O concurso recibe o seu nome dun profesor do centro xa falecido, Suso Domínguez, docente na especialidade de servizos en restauración cuxo legado e labor desenvolvida pola profesión se quere homenaxear a través desta iniciativa. Ademais da Consellería, colaboran no evento a Deputación e o Concello de Pontevedra, o Instituto Galego do Viño, as adegas Ponte da Boga e Terras Gauda e os produtos Denominación de Orixe de Galicia. Ao evento asistiron, ademais de profesores e alumnos, representantes das empresas do sector cos que estes centros educativos teñen relación.