Política Lingüística promove un concurso de presentacións electrónicas para felicitar o Nadal en galego

As propostas máis orixinais formarán parte dunha galería que estará dispoñible no web da secretaría xeral

Mar, 07/12/2010 - 13:47

Coa intención de favorecer o uso do galego nas mensaxes de felicitación de Nadal nos novos formatos e a través das tecnoloxías da información e da comunicación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso de presentacións electrónicas de Nadal.

As presentacións (en formato .ppt, .pptx ou .odp) deben estar escritas en lingua galega e facer referencia a un tema vinculado co Nadal (para felicitar Aninovo, Día de Reis, festas de Nadal en xeral etc.). As bases do concurso poden consultarse no web de Política Lingüística, a través do enderezo electrónico www.xunta.es/linguagalega/concurso_de_nadal_2010.

Galería de presentacións na rede coas propostas máis orixinais

Os traballos máis orixinais formarán parte dunha galería de presentacións que estará dispoñible no espazo web da secretaría xeral. Ademais, outorgaranse tres premios consistentes nun lote de produtos de lecer en galego (libros, cómics, CD e DVD) para cada un dos gañadores ou gañadoras.

Este certame, ademais de contribuír a crear un corpo de presentacións de Nadal en galego para difundir na rede entre o público xeral, tamén está pensada como unha actividade para que os equipos de dinamización da lingua galega poidan traballar cos rapaces e rapazas e animalos a que elaboren, libremente ou coa guía dun profesor, as súas propias presentacións.

Menús News node R