Máis de 900 solicitudes ratifican o éxito da convocatoria dos dous primeiros ciclos de Formación Profesional a distancia

O número de interesados confirma a gran acollida desta iniciativa a prol da formación ao longo da vida

Lun, 06/12/2010 - 12:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de confirmar o éxito de convocatoria das prazas ofertadas para os dous primeiros ciclos de Formación Profesional a distancia, para os que ata 922 persoas presentaron a súa solicitude. O número de interesados confirma o éxito destes estudos en modalidade non presencial, que se imparten este curso por primeira vez e Galicia, como parte da estratexia da Consellería para fomentar a formación ao longo da vida. Dado o gran interese xerado e o importante número de solicitudes de admisión recibidas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a traballar nunha ampliación de oferta de novos ciclos formativos para o próximo curso académico.

Este ano ofertáronse por primeira vez no sistema educativo galego, na modalidade a distancia, o ciclo de grao superior en Educación Infantil, e o de grao medio en Emerxencias sanitarias. No caso do ciclo de Educación  Infantil, foron 488 as persoas que demandaron cursar estas ensinanzas; mentres que foron 434 os interesados en cursar o ciclo de Emerxencias Sanitarias.

Prioridade á experiencia laboral

En total foron admitidas e matriculadas 50 persoas por cada un dos módulos profesionais - 5 no caso do ciclo de Educación Infantil, 8 no de Emerxencias Sanitarias-, dando prioridade ás persoas que teñan experiencia laboral nun sector profesional directamente relacionado co ciclo formativo.

Non en balde, a FP a distancia está orientada a favorecer a formación ao longo de toda a vida, acomodándose ás expectativas e ás situacións persoais e profesionais, incluíndo o uso das tecnoloxías da información e da comunicación. Con este sistema non presencial a Consellería de Educación quere poñer a disposición da cidadanía galega un modelo aberto de ensino, no que o alumnado marca o seu propio ritmo de aprendizaxe en función das súas necesidades e da súa dispoñibilidade de tempo, unha metodoloxía especialmente axeitada para as persoas traballadoras que desexan ampliar a súa formación.

Xornada de acollida

O curso comezou este luns 29 de novembro, cunha xornada de acollemento do alumnado no CIFP Ánxel Casal – Monte Alto, sedes destas ensinanzas; na que se transmitiu aos matriculados toda a información de interese xeral, e en particular das características e as peculiaridades das modalidades a distancia e semipresencial para un correcto desenvolvemento do curso.

De feito, durante estes primeiros días de curso o alumnado estase presentado e familiarizando  coa plataforma de teleaprendizaxe na que terán que desenvolver asa actividades de ensino e aprendizaxe programadas para cada módulo profesional, con materiais didácticos específicos, especialmente deseñados para cada un dos ciclos. Ademais, haberá actividades presenciais de formación no centro docente, fundamentalmente de carácter práctico.

Metodoloxía flexible

A metodoloxía destes estudos caracterízase por ser flexible e aberta, fundamentada no uso das novas tecnoloxías e a internet. Así, o alumnado poderá contar coa axuda do profesorado que desempeñe o labor de titoría, tanto de forma individual como colectiva. As titorías individuais desenvolveranse ben de xeito telemático, ben por vía telefónica ou de forma presencial, e abranguerán as accións de orientación, dinamización, resposta e apoio, para que o estudante poida aprender de xeito autónomo empregando os devanditos materiais da plataforma de teleaprendizaxe. Doutra banda, as titorías colectivas terán carácter presencial no centro no que cada estudante estea matriculado, e nelas realizaranse actividades de ensino complementaria ás realizadas online.

Unha vez acadada a avaliación positiva en todo os módulos que compoñen o ciclo, as alumnas e alumnos deberán cumprir co módulo profesional de formación en centros de traballo.

Esta ampliación de prazas na FP a distancia constitúe unha oportunidade adicional para todas aquelas persoas que, mentres traballan, queren continuar completando a súa formación para mellorar o seu currículo.