Educación recoñece a excelencia académica a 54 estudantes cos premios fin de carreira

Os beneficiados son os estudantes de grao, licenciados, arquitectos, diplomados ou mestres que remataron a formación no curso 2009/2010

Dom, 05/12/2010 - 12:00

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a resolución da convocatoria dos premios extraordinarios de fin de carreira en Galicia. Dos 125 estudantes que presentaron a solicitude beneficiáronse 54, que remataron os estudos superiores no curso 2009/2010, entre os que se repartiron 189.000 euros. Os galardoados lograron uns resultados académicos de suma excelencia, destacando entre eles algunhas das cualificacións máis altas rexistradas nestes premios nos últimos anos.

En total, foron premiados 24 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela, 12 da Coruña, e 18 de Vigo. O traballo de cada un deles estará recoñecido cun diploma acreditativo, co que se valora sa súa excelencia académica  e cun premio económico de 3.500 euros. A continuidade destes premios volve a demostrar, unha vez máis, o interese da Consellería por recoñecer á excelencia académica obtida a través do traballo e do esforzo do alumnado. 

As bolsas foron solicitadas antes de outubro por alumnos matriculados nas universidades galegas en estudos de grao, licenciados, enxeñeiros, arquitectos, diplomados, mestres, enxeñeiros técnicos ou arquitectos técnicos. A obtención destes premios é compatible con outros recoñecementos ou axudas.

A selección

A comisión avaliadora dos candidatos resolveu os nomes dos 54 alumnos e alumnas galardoados co premio fin de carreira. Dita comisión estivo integrada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de estudantes de relaciones internacionais da Universidades da Coruña, María José Martínez; o vicerreitor de estudantes e
formación continúa da Universidade de Santiago, Francisco Ramón Durán Vila; e o vicerreitor de alumnado, docencia e calidade da Universidade de Vigo, Ignacio Barcia Rodríguez. Ademais tamén interveu o xefe de servizo do departamento de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios da Consellería, Xosé Luis Villar Iglesias e a xefa de dita sección, Matilde García Martínez.

A entrega destes premios será realizada en vindeiras datas ao longo dun acto solemne que na anterior edición contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad; e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.