Cultura e Educación apoia a formación en idiomas dos universitarios mediante a convocatoria de 150 axudas para estadías no estranxeiro

A Consellería destina un total de 135.000 euros a estas axudas, cuxo prazo de solicitude mantense aberto ata o vindeiro 14 de marzo

Xov, 28/01/2016 - 12:20

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar, un ano máis, un total de 150 bolsas destinadas a estudantes universitarios para estadías nalgún estado membro da Unión Europea no verán deste ano coa finalidade de que melloren a súa formación en idiomas.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160128/AnuncioG0164-120116-0001_gl.html), o departamento que dirixe Román Rodríguez habilita unha contía de 135.000 euros a estas bolsas (a razón dun máximo de 900 euros por alumno), cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro día 14 de marzo. Ademais, a través do web da Consellería (no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/18070 ) poden consultarse as dúbidas e preguntas a este respecto.

O obxectivo é que os estudantes de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ou dos centros asociados da UNED en Galicia poidan mellorar as súas competencias en outros idiomas, nun curso que deberá desenvolverse no período comprendido entre o 15 de xuño e os 31 de agosto de 2016.

Requerimentos

Poderán solicitar estas os universitarios que estean matriculados no curso 2015/2016, como mínimo en 50 créditos, incluído neles o proxecto fin de carreira, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia, ou nos centros asociados da UNED en Galicia en estudos universitarios oficiais conducentes ao título de graduado, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico. Ademais, os aspirantes deberán ter superado 60 créditos con anterioridade á data de publicación da orde na titulación que están a realizar.

Así mesmo, o curso de idiomas debe ter unha duración mínima de tres semanas, con polo menos 15 horas lectivas semanais; e o idioma que se desexe cursar deberá corresponderse co idioma oficial do país elixido.

Non poderán optar a esta convocatoria aqueles estudantes que foran beneficiados cunha bolsa do programa comunitario de mobilidade Erasmus+ neste curso 2015-2016, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a lingua oficial do país no que se están a desenvolver o devandito programa e o alumnado que xa fora beneficiario desta axuda en convocatorias anteriores.

O alumnado que desexe acollerse a esta convocatoria deberán formalizar a súa solicitude preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es; ou ben en soporte papel en calquera dos lugares de rexistros legalmente establecidos. O interesados que desexen solucionar calquera dúbida respecto a esta convocatoria poden facelo a través do enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es.

Desde que se puxeron en marcha no curso 2012-2013, a Consellería ten concedido un total de 376 bolsas a estudantes para a mellora do coñecemento dos idiomas estranxeiros. Estas axudas reafirman o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades de todo o estudantado para acadar a excelencia, así como un estímulo en prol da mobilidade dos universitarios galegos. Cómpre lembrar, ademais que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior(EEES) esixe o coñecemento dunha segunda lingua para mellorar a capacidade de estudo e traballo.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza