Cultura e Educación impulsa a creación dun grupo de traballo coas universidades para afondar na formación dos futuros docentes

O conselleiro reuniuse hoxe con vicerreitores e responsables das facultades de ciencias da educación para abrir un grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira

Mér, 20/01/2016 - 13:23
O conselleiro reuniuse hoxe con vicerreitores e responsables das facultades de ciencias da educación para abrir un grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira
O conselleiro reuniuse hoxe con vicerreitores e responsables das facultades de ciencias da educación para abrir un grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abriu hoxe o debate coas universidades galegas arredor da formación dos futuros docentes. Neste sentido, o departamento dirixido por Román Rodríguez decidiu convocar para hoxe a representantes das facultades de ciencias da educación e vicerreitores das tres universidades, liderando o proceso para a creación dun grupo de traballo arredor das competencias que os estudantes de Maxisterio deberían adquirir na carreira.

A iniciativa da Consellería xorde da necesidade de que os sistemas de formación inicial, o de acceso a profesión docente e o de formación permanente do profesorado compartan bases centradas nunha mesma visión sobre que competencias son precisas para a profesión docente. O obxectivo é favorecer a incorporación e permanencia dos mellores profesionais ao sistema educativo, como a mellor ferramenta para o avance da calidade e a equidade no sistema educativo. O encontro transcorreu nun ambiente de espírito de cooperación, en definitiva, co fin común de acadar unha mellora progresiva da función docente como o piar fundamental da calidade do ensino.

A partires da reunión de hoxe constituirase un grupo e un calendario de traballo, no que é unha iniciativa pioneira para tratar as necesidades de formación do profesorado desde a Administración educativa e desde as facultades de forma colaborativa.

Traballar ante novos retos

Durante a xuntanza de hoxe o conselleiro transmitiulles aos representantes das facultades a necesidade de acordos entre as administracións educativas e as universidades neste ámbito. Deste xeito, e tras a primeira toma de contacto de hoxe, emprazounos a constituír un grupo de traballo que se reúna con frecuencia para determinar que medidas se poden tomar para mellorar a formación do profesorado fronte aos novos retos aos que se enfrontan: TIC, plurilingüismo, convivencia, atención á diversidade, etc.

O traballo parte dunha perspectiva integral, co obxectivo de identificar a función do docente nos distintos contextos nos que actúa e nos distintos roles que adopta: como educador/a e guía no proceso e aprendizaxe do alumnado, como especialista na súa materia, como investigador/a e innovador/a, como comunicador/a en linguas maternas e estranxeiras, como competente TIC, como interlocutor/a referente e como membro dunha organización. A partires de aí, deseñarase unha descrición estruturada de todas as cualidades, habilidades, aptitudes, destrezas e capacidades que son precisas para unha excelente práctica docente.

O obxectivo é identificar as competencias necesarias para garantir que un profesional docente teña a capacidade necesaria para acceder a dita profesión, para desenvolvela en plenitude para seguir avanzando na súa mellora dun xeito continuado

Ademais do conselleiro, participaron na reunión de hoxe o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; vicerreitores das tres universidades e representantes das facultades de ciencias da educación de Santiago, Lugo, A Coruña, Ourense e Pontevedra.