O conselleiro de Educación destaca o traballo da Asociación de Balnearios de Galicia a prol do termalismo no acto de celebración do seu XXV aniversario

Xesús Vázquez Abad descubriu unha placa que conmemora o cuarto de século da asociación

Sáb, 27/11/2010 - 12:00
Sagrario Pérez, Xesús Vázquez e Carmen Pardo no acto da Asociación de Balnearios
Sagrario Pérez, Xesús Vázquez e Carmen Pardo no acto da Asociación de Balnearios

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe “o traballo constante e sen descanso que desde hai vinte e cinco anos desenvolve a Asociación de Balnearios de Galicia”, grazas ao que “o termalismo galego  lidera o sector en España, ao representar en torno ao vinte por cento da oferta total”.

Así, e con motivo do XXV aniversario da Asociación de Balnearios de Galicia (Balnegal), celebrado na illa da Toxa, Vázquez Abad agradeceu o labor da Asociación e dos empresarios que a compoñen e que representan o espírito "dos que cremos que é posible avanzar e progresar economicamente na sociedade global sen renunciar aos nosos máis caros signos da identidade".

Neste acto estiveron presentes tamén o presidente de Balnegal, Rafael Luaña de la Viña;  o delegado territorial da Xunta na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; a secretaria xeral para o Turismo, da Consellería de Cultura, Mª Carmen Pardo; a secretaria xeral da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos; e o director xeral de Innovación e xestión da Saúde Pública, Manuel Varela Rey.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación explicou que o éxito do termalismo é posible "mediante un modelo de empresa sustentable, que non compromete o futuro dos recursos naturais e ao mesmo tempo mellora a calidade de vida de quen gozan as augas minerais". "Se a iso engadimos - dixo- que os nosos balnearios contribúen a fixar poboación coa xeración de emprego, estamos a falar dunha iniciativa emerxente que dinamiza social e economicamente moitas das comarcas máis emblemáticas da nosa terra". 

Pola súa parte, a secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, felicitou a esta asociación polos seus vinte e cinco anos de traxectoria a prol do sector termal galego. Pardo aludiu ademais ás accións realizadas dende o seu departamento en materia termal, como a creación da primeira cátedra de Hidroloxía Médica de Galicia e segunda de España, impartida na Universidade de Santiago, o impulso á posta en marcha da Agrupación Innovadora Empresarial de Galicia (AITEGAL), o plan de desestacionalización lanzado a través de Turgalicia, valorado en 1 millón de euros ou a liña de axudas para a creación de hoteis-balneario e hoteis talaso, dotada con 3 millóns de euros.  Respecto ás axudas ao sector, Pardo López anunciou a bianualidade destas. “A orde de axudas continuará en vigor durante o 2011, apostando de novo por Galicia como un destino de saúde e benestar”, dixo.

En canto á promoción, informou da divulgación específica dos paquetes termais galegos, inseridos dentro do programa ‘Vive Galicia’ no salón termal de París Les Thermalies, que se celebrará do 20 ao 23 de xaneiro. “Trátase dunha divulgación destinada a público final”, comentou.

Homenaxe aos fundadores

Durante o acto recoñeceuse o labor desenvolvido polos socios fundadores da Asociación de Balnearios de Galicia. Deste xeito recibiron unha insignia de ouro os balnearios de Caldelas de Tui; Lugo- Termas Romanas; Caldas de Partovia; Mondariz; Sousas; Carballo; Arteixo; Baños de Molga, o Gran Balneario do Carballiño e o Gran Hotel de A Toxa.

O traballo iniciado por estes establecementos ten dado como resultado unha asociación que aglutina a preto da totalidade do sector en Galicia, tendo un total de vinte balnearios asociados. Todos estes espazos, a maioría deles situados no interior da Comunidade galega, son importantes dinamizadores socioeconómicos das súas respectivas comarcas; e aportan un modelo de empresa sostible, contribuíndo a fixar poboación a través da xeración de emprego. 

Exposición itinerante

Tras isto inaugurouse a exposición “O lecer das augas. Historia dos Balnearios de Galicia”. A mostra, de carácter itinerante, percorrerá posteriormente diferentes puntos da Comunidade galega co obxectivo de dar a coñecer a evolución dos establecementos termais galegos ao longo do tempo.

Tal e como explicou a responsable de Turismo a exposición ten  unha gran importancia a nivel de documentación bibliográfica. “A través de 12 paneis recompílase, de xeito moi didáctico e visual, a historia empresarial dos nosos balnearios”, aseverou Pardo López, ao definir esta mostra, documentada tamén polo doutor Luis Rodríguez Míguez,  e que recolle a historia dos balnearios dende 1.700 ata os inicios da Guerra Civil, en 1.936.

"O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia" está promovida pola Secretaría Xeral para o Turismo grazas ao convenio asinado con Balnegal este ano, e da que é comisario o profesor e catedrático da Universidade da Coruña, Luis Afonso Álvarez. 

O acto, e rematou co descobremento dunha placa que conmemora o cuarto de século da asociación.