O conselleiro de Educación avoga por unha nova cultura empresarial na clausura do XXV aniversario da especialidade de Organización Industrial

Vázquez Abad destacou en Vigo o labor da Escola de Enxeñeiros na mellora da competitividade do tecido empresarial

Ven, 26/11/2010 - 20:00

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad participou hoxe na clausura dos actos de conmemoración do XXV aniversario da especialidade de Organización Industrial, que se está a celebrar na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo.

Co gallo deste aniversario, Vázquez Abad dixo que o traballo desenvolvido por esta escola constitúe “a evidencia de que é posible e necesaria, mesmo imprescindible, unha nova cultura empresarial, e unha nova concepción da actividade das empresas, na que os estudos superiores exercen un papel esencial, porque son a espiña dorsal do cambio”. Así, lembrou que “mentres noutros ámbitos, a crise económica global impón recortes orzamentarios importantes o Goberno galego mantén sen embargo o nivel orzamentario actual para o vindeiro ano 2011 nos eidos que afectan dun xeito directo á Universidade”.

Ademais, o conselleiro quixo destacar a pegada do labor que realiza a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais xa que ”grazas á experiencia desta Escola, hoxe falar de Organización Industrial é tanto como falar da mellora da competitividade das nosas empresas, da súa posta en valor no contexto da economía global e da existencia de impulsos económicos profundamente galegos e preparados, ao mesmo tempo, para competir e gañar nos ámbitos da Unión Europea”. Así, engadiu Vázquez Abad, “a Universidade de Vigo, prepara profesionais capaces de combinar, con eficacia, a tecnoloxía industrial  e mailo potencial de mercado das empresas máis avanzadas, máis motivadas e máis innovadores da nosa terra”.

Neste acto de clausura o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares. Nos relatorios e mesa redonda de peche participaron o director xeral de Castrosúa, José Manuel González; o director de calidade de PSA Peugeot Citroën Vigo, José Antonio Freire ; o conselleiro delegado de POVISA, José Silveira; a directora xeral de Loxística de Inditex, Lorena Alba; o vicepresidente rexional de Operación de Stream Global Services, José Luis Caaveiro; e o director xeral de Caramelo, Carlos Fernández-Couto.

Unha formación multidisciplinar

Deste o mes de abril, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais vén celebrando diversos actos conmemorativos deste aniversario, entre os que se organizaron xornadas técnicas e culturais.

Este aniversario coincide ademais coa implantación das novas titulacións de grao referidas a esta especialidade, que levarán á extinción dos títulos de Enxeñeiro técnico e superior da rama Industrial e á súa reestruturación en dous novos niveis. Así, desde este curso estase a impartir o grado en Enxeñaría en Organización Industrial; que se complementará cos másters específicos para as diferentes orientacións profesionais.

A especialidade de Organización Industrial baséase nunha formación multidisciplinar, que permite aos seus titulados exercer o seu traballo en múltiples eidos das empresas, tanto no que respecta ao emprendemento, como á loxística, o control e xestión financieiro, ou o comercial; polo que é unha das titulacións máis demandadas polos estudantes.