O conselleiro de Educación asistiu ao XII Congreso Hispano-Luso de Economía Empresarial e Turismo, en Ourense

Vázquez Abad destacou a importancia deste encontro para o desenvolvemento das rexións fronteirizas

Ven, 26/11/2010 - 14:48

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad participou hoxe na décimo segunda edición do Congreso Hispano-Luso de Economía Empresarial e Turismo, que se está a celebrar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Ourense.

Vázquez Abad destacou na súa intervención o traballo e o impulso que o Círculo Ibérico de Economía Empresarial, CIBECEM, vén desenvolvendo desde o ano 2005. “Desde os seus comezos- explicou- e co reforzo das novas incorporacións en 2009, a incidencia do CIBECEM foi determinante nunha serie de áreas de significativa importancia para o desenvolvemento das rexións fronteirizas nas que se sitúan as Universidades participantes. Resultados moi satisfactorios en canto a intercambios comerciais, cooperación empresarial, alianzas estratéxicas, oportunidades de negocio, creación de empresas, función empresarial e turismo”.

Vázquez Abad incidiu no interese dun congreso, “no que se trataron, por parte de especialistas moi cualificados, asuntos tan de actualidade como a necesidade de novas experiencias en materia turística, o incremento de actividades de I+D, a procura de oportunidades para o sector agroalimentario, a xestión de axudas para a innovación e a cooperación, a implantación da Q de calidade, os determinantes financeiros da política de dividendos, a corresponsabilidade social e empresarial, os resultados dunha boa xestión ambiental, a mobilidade transfronteiriza de traballadores, a responsabilidade social corporativa e outros moitos debates que, tanto a sociedade española como a portuguesa, demándannos a todos nestes momentos”.

Neste sentido, o conselleiro amosouse convencido de que “as conclusións destes encontros serán de moita utilidade para os particulares e os colectivos implicados, en definitiva para emprender, nestes momentos de recesión, camiños máis ilusionantes e de maior potencial investidor e estabilizador”.

No acto o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez; e pola xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.

Turismo e empresa

Esta décimo segunda edición do seminario ten como obxectivo reforzar a investigación  nas zonas turísticas e empresariais. Nel participan tanto profesores das áreas de coñecemento vencelladas coa economía empresarial, o marketing, a contabilidade e as finanzas, e os seus alumnos; como os empresarios e profesionais ligados a estes ámbitos. Organizado este ano pola Universidade de Vigo, o encontro supón unha oportunidade para Ourense, provincia fronteiriza co país luso, e que mantén constantes relación económicas e académicas.

No tocante ao sector do turismo, o seminario abordará diferentes perspectivas innovadoras, como o turismo literario, deportivo, ou o senior; así como o reto do turismo sostible e da responsabilidade social das empresas que se dedican a esta actividade.

Respecto das actividades económicas e empresariais transfronteirizas, os relatorios e mesas redondas tocarán temas como as oportunidades dos sectores agroalimentario, as enerxías renovables, a pizarra ou os viveiros de empresas; a innovación e a cooperación empresarial, a mobilidade transfronteiriza dos traballadores entre Galicia e o norte de Porturgal, ou o impacto da internacionalización, entre outros.

O Congreso Hispano-Luso de Economía Empresarial celébrase anualmente desde 1999, e foi incorporando á súa organización a universidades españolas e portuguesas. Desde o seu comezo, os participantes neste encontro traballan polas relacións académicas e científicas entre as universidades das zonas limítrofes entre ambos os dous países, co fin de impulsar proxectos docentes e de investigación transfronteirizos, a través do traballos en rede. De feito, ao abeiro desta cita ten xurdido - en 2005- o Círculo Ibérico de Economía Empresarial (CIBECEM), no que están implicadas as universidades de Huelva, Estremadura, o Algarve, Évora e Beira Interior.