A Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega celebran o 100 aniversario do nacemento dos intelectuais Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena

Pensadores, escritores e autoridades debaten xoves e venres en Santiago sobre estas dúas figuras das culturas galega e vasca

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, salienta o papel de Ramón Piñeiro no proceso normalizador da lingua galega

Xov, 10/12/2015 - 19:00

A deste xoves foi a primeira das dúas xornadas adicadas ao centenario do nacemento de dúas figuras senlleiras das culturas galega e vasca: Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena, respectivamente.

Na apertura, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou o papel vital de Ramón Piñeiro na lingua galega por ser o ‘artífice da aprobación da Ley de Normalización Lingüística do galego en 1983’.

A primeira das exposicións glosou a relación persoal entre os dous intelectuais na voz de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, e de Pedro Miguel Etxenique, científico e Premio Príncipe de Asturias en 1998. Foi a convivencia durante anos nos cárceres franquistas a que fraguou entre Piñeiro e Mitxelena unha amizade que acadou o nivel de irmáns, e que durou o resto das súas vidas.

Xa ao mediodía aproveitouse o marco destas xornadas para a presentación da obra: ‘Ramón Piñeiro. A vontade da intelixencia’. Baixo o subtítulo ‘Unha fotobiografía. 1915-1990’, está editada pola Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia o Consello da Cultura Galega e a Fundación Penzol. A obra combina un discurso verbal, baseado en entrevistas que lle realizaron a Ramón Piñeiro nomes como Víctor F. Freixanes, Benxamín Vázquez ou Xavier Costa-Clavell, cunha cara visual nutrida fundamentalmente dos fondos fotográficos da familia do filósofo galego.

Unha mesa redonda titulada ‘Ramón Piñeiro, na lembranza’, moderada por Andrés Torres Queiruga, e na que interviron Alfredo Conde, Marina Mayoral e Siro López, completou a oferta matinal desta xornada de apertura.

A tarde abriuse baixo o título ‘Os retos actuais do éuscaro e o galego: de Mitxelena e Piñeiro á Carta Europea das Linguas’ e rematou coa mesa redonda ‘Ramón Piñeiro, intelectual polifacético’; moderada por Víctor F. Freixanes e coa participación de Miguel Barros, Xosé Luís Franco Grande e Dolores Villanueva, contou coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Piñeiro e Mitxelena: as figuras

Koldo Mitxelena foi un vasco moderno que desenvolveu a súa paixón polas linguas e, nomeadamente, polo indoeuropeo, do que chegou a ser catedrático da Universidade de Salamanca. Pola súa banda, Ramón Piñeiro dedicouse ao traballo cultural no seo da editorial Galaxia. Os dous xogaron un papel decisivo nos tempos de construción dos respectivos réximes autonómicos con cadansúa aposta polas linguas éuscara e galega.

A casualidade quixo hai pouco que, grazas á colaboración entre os gobernos galego e vasco, se descubrira o paralelismo: neste 2015 cúmprense 100 anos do nacemento dos dous persoeiros

A celebración en Santiago

Estas xornadas son unha continuación do curso de verán realizado en Donostia o pasado mes de setembro e organizado pola Universidade do País Vasco (UPV/EHU) co amparo da Viceconsellería de Política Lingüística de Euskadi. Nesta ocasión, o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro, son as entidades organizadoras deste encontro centrado nas figuras dos homenaxeados e, tamén, na situación das linguas minoritarias no marco da España actual.

Precisamente, a segunda e derradeira destas xornadas trasládase ao centro homónimo dun dos homenaxeados: o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, desde o que ducias de investigadores perpetúan o legado de Ramón Piñeiro e mais o espírito do seu traballo.

Menús News node R