O conselleiro de Educación clausura os actos do XXV aniversario do IES Arcebispo Xelmírez II, en Santiago

Xesús Vázquez Abad descubriu unha placa conmemorativa

Xov, 25/11/2010 - 18:30
O conselleiro de Educación, na celebración do aniversario do IES
O conselleiro de Educación, na celebración do XXV aniversario do IES Arcebispo Xelmírez II

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe en Santiago de Compostela os actos do XXV aniversario do IES Arcebispo Xelmírez II, onde descubriu unha placa que conmemora o cuarto de século do centro.

Durante o acto, o conselleiro destacou o labor que se está a realizar desde o Xelmírez II a prol da cohesión e maila integración social do alumnado, “un labor- dixo- que tamén se interesa en todo canto vai na procura de corresponsabilidade das familias, a través da Escola de Pais, cuxas actividades principiaron neste curso e que está chamada a ser nos próximos anos un incentivo a imitar”. Xesús Vázquez felicitou ao director do centro Xosé Martín Iglesias e á vicedirectora Rosa Alvárez, e destacou o traballo desenvolvido polo que fora director do centro ao longo de 18 anos, Xosé Luis Hospido.

Vázquez Abad sinalou tamén que na actualidade o centro ten estudantes de dez nacionalidades distintas, procedentes de Europa do Leste e Iberoamérica, e que neste contexto cobran máis valor as iniciativas impulsadas polo profesorado do Xelmírez II para a integración de todas as alumnas e alumnos con actividades “que son un paradigma á hora de establecer e pór en marcha programas de convivencia noutros centros de Europa”.

O titular de Educación da Xunta de Galicia destacou que “entre os nosos obxectivos, xunto coa devolución da autoridade ética e da dignidade ao profesorado, está, asemade, a consideración da cultura do esforzo como un valor en alza”, e recordou que “a educación é a mellor arma que unha sociedade ten para prosperar e potenciar unha convivencia harmónica da súa cidadanía. E iso só será posible- rematou- se conta cun profesorado responsable e formado, ben considerado, con prestixio social e con autoridade plenamente asumida polos alumnos, as familias e a sociedade civil no seu conxunto”.

Ampla representación do IES

No acto estiveron representadas distintas xeracións do centro educativo a través dos antigos e actuais directivos, docentes, estudantes e pais e nais. Xunto a eles tamén asistiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal.

O centro foi creado tras a escisión do Instituto Masculino, que ocupaba a sede da Xunta de Galicia, en San Caetano, e na actualidade acolle a máis de trescentos estudantes de ESO e Bacharelato nas ramas Científico- Técnica, de Humanidade e Ciencias Sociais.

Os preto de 200 estudantes de ESO, e 150 de Bacharelato, xunto a medio millar de pais, nais e titores así como os 53 profesores xunto ao persoal auxiliar interveñen en todas as accións que se levan a cabo desde o IES. Entre as actuacións levadas a cabo destaca a participación con estudantes estranxeiros, no programa Comenius e en festivais.