O Protocolo de Atención Educativa Domiciliaria blinda todos os recursos materiais e humanos necesarios para aqueles nenos e nenas cuxa saúde non lles permite asistir regularmente á escola

O documento fixa en dez días o prazo máximo entre a recepción dunha solicitude de atención a domicilio e a resolución do caso
Ademais da axilización nos trámites, farase un seguimento mensual de cada alumno nesta situación en coordinación cos profesores asinados e cos seus titores no centro
As familias poderán pedir a revisión dos casos que a día de hoxe xa están recibindo apoio domiciliario
O texto foi elaborado pola Consellería de Cultura e Educación en coordinación con técnicos de Sanidade, logo de escoitar tamén as asociacións de pais e nais
Ven, 27/11/2015 - 12:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de pechar o Protocolo de Atención Educativa Domiciliaria, que a partires de agora se converte no documento marco de referencia para dar unha resposta educativa áxil e axeitada a aqueles rapaces e rapazas que por prescrición médica -debido a enfermidade ou lesión- non poidan asistir con regularidade ao centro docente no que están escolarizados, durante un período prolongado de tempo.

O documento –que xa está dispoñible no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/atencion_educativa_domiciliaria_v2.pdf  - articúlase en catro piares básicos, que son a garantía na asignación dos medios necesarios para atender todos os casos que se produzan, a incorporación de recursos tecnolóxicos, o reforzo da coordinación entre Educación e Sanidade e a articulación de accións específicas de formación do profesorado

Con este Protocolo, o Goberno galego blinda todos os recursos humanos e materiais para atender todos e cada un dos casos de nenos e nenas nesta situación que poidan producirse durante o curso escolar. Isto é, que en función de cada alumno e sempre atendendo a criterios que fixen os informes educativos e médicos, a Consellería establecerá un plan de traballo axeitado a cada caso e asignará todos os medios humanos e técnicos que sexan precisos.

Apoio con ferramentas dixitais

En segundo lugar achegarase a innovación educativa ao domicilio a través dunha liña específica de educación dixital con ferramentas acordes á idade, ao nivel educativo e ao estado físico de cada neno, que son útiles para o propio alumno como para o profesor á hora de facer un seguimento académico. Nesta liña, facilitaranse ás familias nesta situación todos os medios precisos, de xeito que ningún neno ou nena nesta situación se quede sen ordenador e conexión a internet e que, no caso dos que dispoñan de Abalar no seu centro, poidan traballar desde o seu domicilio con ese ordenador que usaban na aula.

Outro dos piares esenciais é avanzar na coordinación entre os departamentos de Educación e de Sanidade para ofrecer un servizo áxil e adecuado ás necesidades de cada neno ou nena. Neste sentido, hai que ter en conta que o primeiro debe ser a saúde e o proceso de recuperación do rapaz ou rapaza.

Por último, o Protocolo contempla accións específicas de formación dirixidas aos docentes que prestan atención ao alumnado afectado por motivos de saúde (atención domiciliaria, hospitalaria, enfermidades crónicas, etc). Ademais, os Equipos de Orientación Específica prestarán tarefas de asesoramento e apoio ao profesorado de atención domiciliaria cando estes así o requiran.

Axilización dos tempos de resposta

Outro dos avances con respecto á normativa vixente ata o de agora é que quedan regrados os procedementos e se axilizan os tempos de resposta ante este tipo de casuísticas. Así, establécese que o prazo entre a recepción da solicitude de apoio educativo domiciliario para un neno por parte da familia e a resposta da administración educativa será de dez días como máximo.

Respecto ao procedemento, é a familia  (pai, nai, titores legais) a que deberá presentar no seu centro escolar a solicitude correspondente acompañada do preceptivo informe médico. A partires de aí, o profesorado titor elaborará un informe sobre o alumno que, xunto coa petición da familia e o informe médico, deberá remitirse á Xefatura Territorial de Educación correspondente, que é o órgano encargado de resolver. Na resolución farase constar a asignación horaria e a duración da atención.

No que atinxe aos alumnos e alumnas que a día de hoxe xa están recibindo atención educativa domiciliaria, poderán revisarse cada caso se ese é o desexo das familias.

Programa individualizado e seguimento do alumno

Tal como se establece no documento, o profesorado de atención educativa domiciliaria elaborará un programa individualizado para cada alumno ou alumna que deberá centrarse no mantemento e desenvolvemento das competencias clave e das materias instrumentais que garantan o axeitado retorno á actividade cotiá. Pero sobre todo o  programa non pode interferir no proceso de recuperación física do alumando.

No caso de alumnos de Primaria, o profesorado asignado desenvolverá o currículo de xeito globalizado, co apoio do profesorado do centro. Mentres, para os alumnos de Educación Secundaria desenvolverase o currículo por agrupación de materias en ámbitos: comunicación, científico-tecnolóxico e sociedade.

Así mesmo, os docentes deberán informar ao centro da evolución do alumno a través de, como mínimo, un informe mensual. Ademais, farase outro informe final  para entregar no centro cando a atención educativa domiciliaria remate.

Ademais, o Servizo de Inspección Educativa correspondente será o encargado da supervisión da atención domiciliaria e as Xefaturas Provinciais reportarán mensualmente á Dirección Xeral de Educación un informe sobre os casos atendidos no seu ámbito.

Destinatarios

O contido do Protocolo foi elaborado pola Consellería de Cultura e Educación en coordinación con técnicos da Consellería de Sanidade, logo de escoitar tamén as asociacións de pais e nais.

Con este documento dáse un paso máis no que atinxe á atención educativa para aqueles nenos e nenas que cursan ensinanzas en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición médica ben deben permanecer convalecentes no seu domicilio por un período de tempo superior a un mes, ou ben padezan algunha enfermidade crónica que sexa causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

Este Protocolo completa o marco normativo que xa existe ao respecto como é o Decreto de Atención á Diversidade do ano 2011 e a orde de 2003 pola que se regula a escolarización do alumnado con necesidades educativas especiais.