A Xunta de Galicia apoia a presentación da unidade didáctica dos concertos de órganos da Igrexa de Celanova
O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, asistiron ao acto na Deputación de Ourense
A Xunta de Galicia apoiou hoxe a presentación do programa de actividades da unidade didáctica dos concertos de órganos da Igrexa San Salvador de Celanova. No acto celebrado esta tarde na deputación de Ourense estiveron representadas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; e a de Cultura, co director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López. Xunto a eles tamén estivo o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez.
As xornadas presentadas hoxe, nas que participan Educación e Cultura, están organizadas polo Concello de Celanova apoiado pola Deputación de Ourense e o Conservatorio de Música profesional de Ourense. As actividades comezaron a súa andaina en 2001 tras a restauración do órganos da Igrexa de San Salvador en Celanova.
Xornadas 2011
Así, hoxe deuse a coñecer unha actividade pioneira en España, unha visita de 50 minutos que se levará a cabo dúas veces ao mes desde xaneiro ata maio de 2011. Dirixidos pola profesora de órgano do Conservatorio de Música de Ourense, Marisol Menvida esta destinada a estudantes de toda Galicia de 3º de Primaria; 2º, 3º e 41 de ESO; e 1º e 2º de Bacharelato. Asemade tamén esta dirixida a estudantes dos conservatorios e escolas de música.
Ao longo deste tempo, e a través de concertos e de visitas, as alumnas e alumnos recibirán una explicación completa do histórico instrumento. Deste xeito dáse a oportunidade de achegarse as este órgano ao tempo que descobren os valores históricos e culturais que conserva Celanova e a súa área de influencia participando na visita guiada ‘Celanova, un paseo pola historia de Galicia’.
Os apoios da Xunta
Durante a súa intervención José Manuel Pinal recordou que “poucas expresións creativas son tan eficaces e ao mesmo tempo orixinais como a música, para proxectar e dar conta da intelixencia cultural dun pobo, e como acontece neste caso, ligándoa coa restauración dun instrumento carismático como é o órgano da emblemática Igrexa de San Salvador de Celanova, referente na nosa Comunidade”; ao que engadiu que “temos nas nosas mans a posibilidade de integrar no labor pedagóxico dos nosos mestres un anaco vital da personalidade cultural da nosa terra”.
Pola súa banda o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, interveu esta mañá na presentación dos Concertos Didácticos de Celanova na Deputación de Ourense e manifestou a súa convicción de que “a apertura á mellor música clásica, a través do órgano, como rei dos instrumentos, favorece á construción dunha sociedade que asuma a arte como referencia de vida e de convivencia”.
En verbas do director xeral “a vivencia dos Concertos Didácticos de Celanova vai sazonar dunha maneira especial todo o resto da actividade dos escolares e quedarán sen dúbida, nalgún plano da súa memoria”. Francisco López afirmou que “para conseguir un resultado con proxección de futuro, cómpre un traballo tocado pola excelencia, que aquí temos plasmada nun sentido didáctico moi profundo, que saiba manexar as claves coas que se manexan as persoas nas distintas fases da súa evolución cara á madurez”.