A Consellería de Cultura e Educación abre o prazo para solicitar os contratos-programa, que se adaptan ao desenvolvemento da Lomce

Os centros docentes poderán presentar as súas solicitudes na iniciativa ata o 14 de decembro

As liñas de actuación redefínense, establécese unha liña exclusiva para a prevención do abandono temperá, e inclúese a promoción da igualdade no programa de mellora da convivencia

A liña de mellora das competencias clave deberá facer especial fincapé no alumnado que obtivera un nivel insuficiente na avaliación individualizada ao remate de 3º de Primaria

Dom, 15/11/2015 - 11:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que os centros docentes públicos soliciten desenvolver un contrato-programa durante o curso escolar 2015-2016; trátase dun instrumento de apoio aos centros para que, dentro da súa autonomía, poidan desenvolver un plan de mellora en función das necesidades detectadas no alumnado. Neste sentido, a iniciativa, que se desenvolve por cuarto ano consecutivo, susténtase no reforzo da autonomía dos centros que promove a Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

De feito, e para avanzar tamén no desenvolvemento desta normativa, a nova convocatoria dos contratos-programa redefine as súas liñas, establece unha liña exclusiva para a prevención do abandono temperá e inclúe a promoción da igualdade no programa de mellora da convivencia. Ademais, amplíanse os centros destinatarios do programa, sendo posible que agora participen tamén os Colexios Rurais Agrupados (CRA), as Escolas de Educación Infantil (EEI), os Centros de Educación Especial (CEE), os Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) e os Centros públicos de educación e promoción de adultos; deste xeito poderán participar tamén nestas iniciativas as alumnas e os alumnos de FP e FP Básica. Así mesmo, e como xa ocorría en cursos anteriores, poden participar nos contratos-programa os Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), os Centros de Educación Primaria (CEP), os Institutos de Educación Secundaria (IES) e os Centros Públicos Integrados (CPI).

O fin último desta iniciativa é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolvendo o máximo posible as súas potencialidades a través de plans específicos deseñados polos equipos de cada centro de ensino. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 14 de decembro. Os requirimentos poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20141107/AnuncioG0164-041114-0002_gl.html .

PROA e mellora das competencias clave

Ao igual que en anos anteriores, a primeira das liñas de actuación dos contratos-programa é a correspondente ao tradicional PROA, para o reforzo, orientación e apoio do alumnado que presente dificultades de aprendizaxe, así como daquel con desvantaxe educativa polo contorno sociocultural en que se desenvolve.

O destinatario deste programa é o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria e o de ESO, así como o de FP Básica.

En canto á liña de mellora das competencias clave, centrada nas competencias matemática, en comunicación lingüística e en ciencia e tecnoloxía, vai dirixida a todo o alumnado de Primaria, ESO e FP Básica. Asemade, e de acordo co desenvolvemento da LOMCE, a convocatoria indica que os contratos-programa propostos deberán ter en conta, especialmente, aquel alumnado que obtivese un nivel insuficiente na avaliación individualizada ao remate de 3º de Primaria.

Liñas redefinidas

Tamén co fin de dar cumprimento á LOMCE, as liñas 3 e 4 da convocatoria redefínense. Deste xeito, a terceira céntrase na mellora da convivencia e incorpora a promoción da igualdade, dirixíndose a todos os centros susceptibles de participar na convocatoria antes mencionados.

Pola súa parte, a prevención do abandono escolar temperán e do absentismo escolar pasan a ser obxecto da 4ª liña de actuación, co fin de actuar en prol da permanencia no sistema educativo do alumnado de educación primaria e de ESO.

Novos destinatarios

Ademais de ampliar os centros destinatarios da liña de mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros, a convocatoria do curso 2015-2016 abre tamén as liñas 5 e 6 -de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, e de mellora da calidade na xestións dos centros, respectivamente- a outras etapas.

Desta forma, poderán presentar as súas propostas nestas liñas tanto os CEIP, CPI e IES, como os CRA, CEE, CIFP, as EEI e os centros públicos de educación e promoción de adultos. O obxectivo é favorecer a excelencia no ensino en todas as etapas e para todo o alumnado, de acordo co establecido pola lei orgánica.