Cultura e Educación concede 140 axudas a universitarios para intercambios con países extracomunitarios

O obxectivo desta convocatoria é favorecer a mobilidade internacional dos estudantes galegos neste curso 2015/2016, fóra do Espazo Europeo de Educación Superior

Xov, 12/11/2015 - 11:03

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2015/2016, pola que se conceden un total de 140 bolsas. A resolución pode consultarse no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151112/AnuncioG0164-041115-0001_gl.html  

Estas axudas premian a excelencia do alumno ao ter en conta, como único criterio de avaliación, a nota media do expediente académico de aqueles que previamente cumprían os requisitos esixidos na orde. Os beneficiarios recibirán unha dotación económica de 1.100 euros.

Por universidades, resultaron beneficiarios das axudas 72 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 51 da de Vigo (UVigo) e 17 da da Coruña (UDC). Os países nos que cursarán o seu período de mobilidade serán Chile (29 alumnos), México (28), Arxentina (25), Brasil (22), EEUU (15), Canadá (4), Uruguai (4), Colombia (2), Malasia (2) e, con 1 alumno cada un, Corea do Sur, Cuba, Ecuador, Xapón, Marrocos, República Dominicana e Taiwán.

O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a mobilidade internacional do alumnado das universidades galegas e centros asociados da UNED en Galicia, apoiando economicamente a aqueles alumnos que participan nun programa de mobilidade con países extracomunitarios.

Cómpre salientar que a mobilidade dos estudantes é un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e leva aparellado unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente a súa mantendo a condición de universitario ou universitaria, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos así como a súa cualificación.