Educación resolve o contrato de comedores coas empresas Col-Servicol S.L. e Cátering Perea Rojas S.L. debido ao incumprimento reiterado das condicións do contrato

A Consellería ten ultimada unha alternativa para que o servizo de comedor dos centros afectados poidan seguir funcionando con normalidade desde mañá xoves, á espera de concluír unha nova adxudicación

A prioridade é velar pola seguridade alimentaria e sanitaria dos menús escolares en todos os centros que xestiona, por iso se actuou coa máxima dilixencia

Mér, 11/11/2015 - 16:28

A Consellería de Cultura, Educación vén de comunicarlle ás empresas Col-Servicol S.L. e Cátering Perea Rojas S.L. a resolución dos contratos de servizo de comedor escolar que prestan en 20 centros da comunidade, debido ao incumprimento grave e reiterado, na metade destes centros, das condicións establecidas nos contratos.

O departamento educativo da Xunta tomou esta decisión logo de constatarse unha serie de incidentes de carácter grave na prestación do servizo, especialmente nas dúas últimas semanas, que non garanten as condicións do servizo contratadas.

Esta decisión foille comunicada hoxe mesmo ás direccións de todos os centros afectados (repartidos nas provincias A Coruña, Lugo e Pontevedra), a quen tamén se lles adiantou que desde a Consellería se está pechando unha alternativa para garantir o servizo de comedor nestes centros nos vindeiros días, que estará operativa xa desde mañá xoves. Tamén se lles deu conta da decisión aos alcaldes das localidades con comedores escolares xestionados pola Xunta onde prestaban os seus servizos as dúas empresas.

Na vindeira semana darase conta ao Consello da xunta da contratación, por procedemento de urxencia, dos novos servizos de comedor.

A prioridade da Consellería é velar pola seguridade alimentaria e sanitaria dos menús escolares en todos os centros que xestiona. De feito o departamento de Educación actuou coa máxima dilixencia desde o primeiro momento en que se rexistraron incidencias, pero dentro dos cales administrativos esixidos por lei.

A resolución administrativa dos contratos adóptase unha vez concluídas as investigacións levadas a cabo polos servizos de inspección de Educación e de Sanidade, tanto en comedores escolares de Cambre e Culleredo (onde están abertos dous expedientes de penalidades) coma en centros de Arousa e Cuntis onde se rexistraron incidencias.

Non obstante, cómpre lembrar que arredor de 11.700 nenos e nenas comen cada día a través de cátering en comedores escolares xestionados pola Consellería. Por tanto, as incidencias acontecidas nas últimas semanas, -aínda que importantes-, en ningún caso se poden extrapolar ao conxunto do servizo de cátering, que está funcionando con normalidade.