Román Rodríguez e a Irmandade Galega de Adegueiros abordan o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico
A xuntanza enmárcase dentro da rolda de encontros que está mantendo a Consellería de Cultura e Educación co obxectivo de nutrir o documento co máximo número de achegas posibles dos diferentes ámbitos sociais
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coa Irmandade Galega de Adegueiros (IRGADE) para abordar o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, que pretende potenciar e ampliar o uso do galego no eido empresarial e cuxa aprobación está prevista para finais de ano.
Esta reunión, celebrada con motivo da IV Asemblea da IRGADE, enmárcase dentro da rolda de encontros que está mantendo o departamento educativo da Xunta de Galicia co obxectivo de nutrir o dito plan co máximo número de achegas posibles dos diferentes ámbitos sociais. De feito, a Consellería xa se reuniu co Foro Enrique Peinador, coas cámaras de comercio, coa Federación Galega de Parques Empresariais, con Asociacións de Empresarios de Polígonos Industriais, coa Confederación de Empresarios de Ourense, coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega. Ademais, unhas 25 entidades vinculadas ao tecido socioeconómico propuxeron as súas propostas neste período.
Carta de consumo responsable
Ademais do conselleiro e o secretario xeral de Política Lingüística, na xuntanza participaron representantes dunhas 25 pequenas e medianas empresas de diversos sectores, tales como adegueiros, empresarios do sector agroalimentario e, por primeira vez, asociacións de consumidores.
No marco desta asemblea, na que se incorporaron á Irmandade novas empresas do ámbito adegueiro e agroalimentario, as ditas asociacións de consumidores deben subscribir a denominada ‘Carta de consumo responsable’, en aras de que os cidadáns poidan optar por produtos etiquetados e comercializados en galego.
O galego como oportunidade alén de Galicia
Neste sentido, Román Rodríguez e Valentín García trasladáronlle aos membros da Irmandade Galega de Adegueiros a oportunidade que supón o uso do galego no ámbito empresarial, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.
A lingua galega, ademais de ser un valor como denominación de orixe e de implicar un plus de confianza, calidade e proximidade nos consumidores, abre tamén a vía da comunicación internacional en mercados emerxentes do mundo lusófono, como o brasileiro ou o angolano, o que pode redundar nun beneficio en canto a resultados económicos se refire. Nesta liña, a Consellería puxo en marcha a campaña ‘Exportar en galego’ (www.exportarengalego.gal) para o fomento das relacións económicas coa lusofonía.
Cinco áreas de traballo, máis de 70 actuacións
O Plan establece cinco áreas de traballo principais que son a industria, o traballo, o cooperativismo, a banca e o comercio. A elas engádenselle outras como a hostalería e a restauración, a industria alimentaria, as axencias de publicidade e entidades intermedias tales como xestorías, asesorías ou despachos de avogados. Dada a natureza da área, poranse en marcha máis de 70 actuacións, algunhas de carácter transversal e outras orientadas a un campo económico en concreto.
O obxectivo común a todas elas pasa por reforzar e aumentar a presenza do galego neste sector, non só para ampliar os lazos comerciais das empresas galegas, senón tamén para xerar un efecto multiplicador no resto da sociedade tendo en conta o importante papel que xogan as empresas á hora de fixar comportamentos.