A Consellería de Cultura e Educación lembra que o novo modelo de xestión dos comedores escolares permitiu incrementar o número de usuarios

O secretario xeral técnico do departamento autonómico salientou que este sistema non ten un afán recadatorio; de feito o orzamento público aumentou en máis de 11 millóns de euros desde 2009, situándose actualmente en preto dos 30

Jesús Oitavén destacou que se apostou por un criterio de xustiza social para axudar ás familias que máis o precisan

Xov, 08/10/2015 - 19:30

O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén, lembrou hoxe na Comisión parlamentaria de Educación e Cultura celebrada na Cámara galega que o novo modelo de xestión dos comedores escolares de Galicia permitiu incrementar o número de usuarios, ata chegar a máis de 72.000 alumnos e alumnas no curso actual.

Este incremento veu acompañado tamén dun aumento do orzamento público, que subiu en máis de 11 millóns de euros nos últimos 6 anos, situándose actualmente en preto dos 30. Neste sentido, Jesús Oitavén rexeitou que o novo sistema teña un afán recadatorio e cifrou en 3,7 millóns de euros o reunido en concepto de prezos públicos e tarifas pola utilización deste servizo no curso 13-14.

En todo caso, recordou que co actual modelo, baseado nun “criterio de xustiza social” a través do cal se “aposta por axudar ás familias que máis o precisan”, o 80% dos usuarios de comedores escolares de Galicia o curso pasado non pagaron nada. O 20% restante desembolsaron entre 1 e 4,5 euros.

Un sistema “máis xusto e equitativo”

Trátase, en palabras do secretario xeral do departamento educativo da Xunta de Galicia, dun modelo “que corrixe as deficiencias do decreto de comedores do goberno bipartito, acabando co copagamento xeral” e, por tanto, dun sistema “máis xusto e equitativo”, concretou.

Esta mudanza permitiu non só aumentar as prazas, senón tamén asumir progresivamente e de maneira voluntaria os comedores xestionados polas ANPAS, dando deste xeito resposta a unha vella demanda das propias asociacións.

Por iso, Jesús Oitavén insistiu en que a Consellería seguirá apostando polo mesmo vieiro ao consideralo o máis axeitado e xusto. Neste sentido, avanzou que a previsión para este curso 2015-2016 é acadar os mesmos resultados, isto é, que “8 de cada 10 usuarios de comedor volverán a non pagar nada”, salientou.

Menús News node R