Cultura e Educación abre o prazo de matrícula para o ciclo de grao medio de emerxencias e protección civil, que se impartirá en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública

Os interesados en cursar estas ensinanzas poderán solicitalo ata o 9 de outubro no IES Antón Losada Diéguez da EstradaOs interesados en cursar estas ensinanzas poderán solicitalo ata o 9 de outubro no IES Antón Losada Diéguez da Estrada

É a primeira vez que se imparte este ciclo en Galicia, co que se amplía e diversifica a oferta de FP na comunidade

Lun, 05/10/2015 - 14:22

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre hoxe o prazo especial de matrícula para o ciclo formativo de grao medio de Emerxencias e Protección Civil, unha titulación que será impartida en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). As persoas interesadas en cursar estas ensinanzas poderán presentar a súa solicitude ata o 9 de outubro (ás 13 horas) no IES Antón Losada Diéguez da Estrada, centro no que se desenvolverá o ciclo. Trátase da primeira vez que se imparte este ciclo en Galicia, polo que a súa implantación vén a incrementar e diversificar a oferta formativa de FP na comunidade.

En total ofértanse 30 prazas, das que 20 corresponden á quenda xeral, 6 ao acceso desde os antigos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), 3 de acceso á FP mediante proba e 1 para deportistas de alto nivel ou rendemento. Poderán solicitar a admisión nesta titulación as persoas que cumpran os requisitos de acceso a ciclos formativos de grao medio no momento da inscrición.

O día 14 de outubro publicarase a relación provisional de persoas admitidas e en espera e abrirase un prazo de reclamación ata o 16 de outubro. A listaxe definitiva de solicitantes admitidos darase a coñecer o día 19 deste mesmo mes. Toda a información para a matrícula está dispoñible no portal educativo da Xunta de Galicia, no enlace http://www.edu.xunta.gal/fp/ciclo-medio-emerxencias-proteccion-civil-periodo-especial-admision .

Módulos impartidos na Agasp

Ademais da formación que ofreza o IES Antón Losada Diéguez, impartiranse na Agasp os módulos de Mantemento e comprobación do funcionamento dos medios materiais empregados na prevención de riscos de incendios e emerxencias, Vixilancia e intervención operativa en incendios forestais, Intervención operativa en extinción de incendios urbanos, Intervención operativa en sucesos de orixe natural, tecnolóxico e antrópico, Intervención operativa en actividades de salvamento e rescate, Inspección de establecementos, eventos e instalacións para a prevención de incendios e emerxencias e Coordinación de equipos e unidades de emerxencias.

Neste sentido cómpre salientar que a Academia Galega de Seguridade Pública, ten unha larga traxectoria formativa e na elaboración de programas formativos e na impartición de formación nestas disciplinas, así como na colaboración coas universidades e institucións docentes. Ademais, a Agasp dispón dos espazos e dos equipamentos necesarios, que os centros educativos non posúen, para a impartición deste tipo de titulacións, o que redunda nunha mellor formación do alumnado galego.