O programa Bocaberta estrea esta semana o musical Ola, ola, la! e mais o obradoiro de hip-hop Azou

A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego entre os máis novos visitará esta semana preto de trinta localidades

Lun, 15/11/2010 - 16:55
Cartel do progama
Cartel do progama

Bocaberta, o programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o galego na franxa máis nova da poboación, suma esta semana ás súas propostas o musical Ola, ola, la! e o obradoiro de hip-hop e novas tecnoloxías Azou. A primeira, organizada en colaboración coa editorial Galaxia, é un espectáculo do grupo infantil Mamá Cabra que se estreará o sábado 20 de novembro en Noia; a segunda, na que a secretaría xeral vai da man da empresa Ouvirmos, bota man da música e as novas tecnoloxías.

O teatro Coliseo Noela, de Noia, acollerá o sábado 20 de novembro ás 18.30 horas a primeira función de Ola, ola, la! Este musical será conducido polo conxunto Mamá Cabra, ben coñecido polos nenos e nenas galegos, e está destinado ao público entre os 4 e os 8 anos. Ritmo e electricidade a dar voltas polo corpo, as melodías deste concerto servirán para que os máis pequenos aprendan cancións en galego e gocen coa lingua. A actividade prolóngase despois na casa, ou no coche, da man dun DVD-karaoke co que os rapaces e rapazas se poderán sentir parte do grupo.

Cancións, imaxes e redes sociais

A outra actividade que Política Lingüística estrea esta semana no marco do programa Bocaberta é o obradoiro de hip-hop Azou, un proxecto destinado a adolescentes dos 12 aos 18 anos. Baséase nas redes sociais, para as cales conta con canles en Tuenti, Facebook ou Flickr, ademais de web propia (www.azou.eu), e parte da idea do proceso de formación dunha banda de música hip-hop, composta por dúas mozas e un mozo. Os participantes cantan, bailan e poñen en escena a proposta, na que se mesturan as cancións coa imaxe e a tecnoloxía. Complétase a proposta coa publicación dunha serie de libros que narran as aventuras e a vida na cidade dos compoñentes do grupo. A estrea está prevista para o venres 19 de novembro, na Casa da Cultura do Grove, ás 17.00 horas. Despois, estará na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, o sábado 20 á mesma hora.

Localizacións, horarios e novidades, a través da Rede

Ademais destas dúas actividades que se estrean, entre as propostas de Bocaberta para esta semana atópanse novas actuacións de Palabras no ar, Señor Mundo, dígame?, A guerra das bruxas, Contos de maxia e En clave de conto, coas que Política Lingüística percorrerá un total de vinte e sete localidades esta semana. Concretamente, Bocaberta estará en Arzúa, A Baña, Vilardevós, Mazaricos, Oímbra, Cee, A Pobra, Monterrei, Ourense, Porto do Son, Riós, Cabanas, Pereiro de Aguiar, Pontedeume, Montederramo, Manzaneda, Baltar, Solveira, Santiago de Compostela, O Grove, Narón, Carballo, Burela, Xinzo de Limia, Meis, Noia e Allariz.

Os horarios e localizacións de todas estas actividades de Bocaberta tamén poden consultarse a través do boletín electrónico semanal do programa, accesible desde a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega. Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.

Máis de 700 actividades por todos os concellos de Galicia

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. Desde a música pop á maxia, a banda deseñada, a animación á lectura ou as novas tecnoloxías, as actividades de Bocaberta realízanse en colaboración con 14 entidades, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas.

Menús News node R

Colectivo

Tema