Cultura e Educación concede 10 millóns en axudas a un total de 34 grupos de investigación de referencia competitiva e de potencial crecemento nas universidades do SUG
Con este apoio económico máis de 200 grupos de investigación do SUG contarán con financiamento estrutural estable
Coa achega desta convocatoria, e as dispoñibles de anos anteriores, os grupos de investigación do SUG disporán deste apoio económico dentro do programa de consolidación da investigación nas universidades
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén adxudicar un total de 34 axudas a grupos de investigación do Sistema universitario de Galicia (SUG) nas modalidades de Grupos de Referencia Competitiva e Grupos de Potencial Crecemento reafirmando o seu compromiso coa investigación universitaria de excelencia axudando á consolidación, estruturación e especialización das unidades de investigación máis competitivas do SUG. A resolución pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe, no enlace http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150930/AnuncioG0164-240915-0001_gl.html .
As 34 axudas outorgadas súmanse ás dos 174 grupos que a teñen vixente, para acadar un total de 208 grupos con financiamento estrutural estable que disporán de máis de 10 millóns de euros para o seu financiamento no ano 2015. A esta cifra habería que engadir os 80 investigadores emerxentes que tamén contan con financiamento así como un total de 47 redes de investigación que tamén están en activo.
Novidades
Nesta convocatoria introducíronse diferentes novidades na xestión para un mellor aproveitamento do investimento. Así, e por segundo ano consecutivo, as universidades poderán solicitar o pago anticipado de ata o 50% do importe que se lles conceda para cada anualidade. Tamén se teñen introducido disposicións normativas para que o persoal investigador que se contrate con cargo a estas axudas non vexa interrompido o seu contrato de traballo ao remate de cada anualidade.
Así mesmo, a distribución da axuda modifícase para que o maior gasto se produza nos anos centrais que son os máis produtivos.
Modalidades
As axudas para Grupos de Referencia Competitiva van dirixidas á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D constitúan unha referencia no Sistema Galego de Innovación. Serán de aplicación por un período de catro anos. Ao remate da segunda anualidade serán sometidas a unha avaliación que determinará a súa continuidade. Supoñen o pago anual dunha contía fixa máis outra variable asociada á evolución na xeración de recursos por parte do grupo como un indicador xenérico da súa competencia e capacidade de consolidación. Así, a axuda constará de dous módulos, un fixo, por importe de 50.000 euros anuais; e outro variable, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo nos tres exercicios anteriores á concesión, e que será de entre 20.000 e 50.000 euros ao ano.
No caso dos Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), a convocatoria diríxese á consolidación de grupos de investigación do SUG que pola súa produción científica e a súa actividade de I+D amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do SUG. As axudas serán de aplicación por un período de tres anos, mediante o pago anual dunha contía fixa de 17.500 euros no primeiro e terceiro ano e de 35.000 euros no segundo.