Política Lingüística promove a elaboración do primeiro Dicionario galego de recursos humanos

A secretaría xeral, a través do Termigal, e en colaboración coa Real Academia e a Fundación Galicia Empresa, impulsou esta ferramenta que busca facilitar a incorporación do galego ao ámbito socioeconómico

Ven, 12/11/2010 - 19:15
No acto de presentación do dicionario, que tivo lugar hoxe na sede da Real Acade
No acto de presentación do dicionario, que tivo lugar hoxe na sede da Real Academia Galega, na Coruña, tamén participaron o presidente desta institución, Xosé Luís Méndez Ferrín; o presidente da Fundación Galicia Empresa, Benito Fernández González; e Yolanda Maneiro, unha das autoras da obra.

“O noso obxectivo coa publicación do primeiro  Dicionario galego de recursos humanos é que os termos que se recollen nel cheguen á empresa e faciliten a incorporación do galego a este ámbito”. Así se expresou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, na presentación desta obra, que definiu como “unha ferramenta de grande utilidade para o empresariado galego”.

No acto de presentación do dicionario, que tivo lugar hoxe na sede da Real Academia Galega, na Coruña, tamén participaron o presidente desta institución, Xosé Luís Méndez Ferrín; o presidente da Fundación Galicia Empresa, Benito Fernández González; e Yolanda Maneiro, unha das autoras da obra.

Política Lingüística publicou este dicionario, que foi elaborado desde o Termigal. Este servizo de terminoloxía da secretaría xeral, dirixido por Manuel González González e no que tamén participa a Real Academia Galega, ten como fin recoller e someter a estudo problemas e propostas denominativas sobre termos. A Fundación Galicia Empresa tamén colabora na publicación desta obra que busca favorecer a incorporación do galego ao sector empresarial e contribuír á estandarización da súa terminoloxía.

Difusión dos traballos terminolóxicos

Lucía Dans, Yolanda Maneiro e Inés Veiga son as autoras deste dicionario, do que Anxo Lorenzo destacou a multidisciplinariedade do equipo que o elaborou. “Un equipo composto por lingüistas, xuristas e profesionais coñecedores da materia, o que é garantía de que cumprirá as expectativas do sector ao que vai dirixido”, afirmou.

O secretario xeral tamén fixo fincapé na importancia da dimensión práctica da terminoloxía: “É unha tarefa fundamental explotar esta e outras vías de difusión dos traballos terminolóxicos que aseguren a súa chegada fluída aos destinatarios”, dixo durante a presentación do dicionario. Ao fío disto, afirmou que “a terminoloxía que se xera debe estar supervisada por institucións fiables e autorizadas que a fixen e inspiren confianza”. “De aí que no Termigal, o servizo de terminoloxía que lle deu acubillo a este proxecto, traballemos en colaboración a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega”, explicou Anxo Lorenzo. “Esta colaboración –engadiu– é fundamental para darlle impulso á terminoloxía en Galicia e, en consecuencia, para a extensión da lingua galega”.

Desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

Coa publicación desta obra, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora coa Fundación Galicia Empresa e coa Real Academia Galega no desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que propón elaborar e facilitarlle a cada sector económico recursos lingüísticos para que poida desenvolver en galego a súa actividade e sexa así posible conservar a lingua en todo o proceso produtivo.

O galego na empresa

Segundo os datos máis recentes, publicados en 2008 polo Instituto Galego de Estatística, o 76% das empresas manifesta utilizar o galego sempre, case sempre ou ás veces na  comunicación oral co exterior. Deste xeito, só o 24% di non utilizar nunca ou case nunca o galego neste nivel de comunicación.

 Pola contra, a comunicación escrita sitúase en porcentaxes máis baixas: as empresas que empregan sempre, case sempre ou ás veces o galego na comunicación escrita co exterior son o 38.4%. Neste sentido, o Dicionario de recursos humanos pretende eliminar os atrancos para utilizar o galego neste nivel de comunicación motivados pola falta de recursos lingüísticos.

O Dicionario galego de recursos humanos

O dicionario contén vocabulario das relacións laborais e dos recursos humanos. Trátase dunha obra de uso cotián para todo tipo de empresas, que contén as definicións de léxico de uso máis xeral e mais doutro altamente especializado. Ademais, inclúe as correspondencias en castelán e inglés.

En liñas xerais, a obra recolle, aproximadamente, 900 conceptos e máis de 1.300 denominacións en galego, 1.400 en castelán e 1.700 en inglés. As entradas do dicionario corresponden ás denominacións galegas dos conceptos, que van seguidas dunha breve definición. Ademais, inclúense as correspondencias en castelán e en inglés. Ao final do dicionario incorpórase un índice de termos en castelán e en inglés coas súas equivalencias en galego para facilitar a súa busca no dicionario.

Menús News node R