Anxo Lorenzo gaba a contribución dos galardoados cos premios San Martiño a prol da “extensión e vitalidade” da lingua galega
O secretario xeral de Política Lingüística participou no acto de entrega destes premios de normalización lingüística, que tivo lugar hoxe na Estrada
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, incidiu no “importante labor de difusión do galego” levado a cabo pola Asociación Cultural O Brado a través dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística. Así o afirmou no acto de entrega da vixésima edición dos galardóns, que recoñeceron a empresa de telecomunicacións R, a cooperativa Monte Cabalar e o mestre Olimpio Arca.
Anxo Lorenzo incidiu en que “o galego lles deu a todos os premiados vantaxes e satisfaccións e, asemade, todos eles contribuíron á súa extensión e vitalidade”. “Por iso, agardo –engadiu– que o ben merecido recoñecemento dese labor a prol da nosa lingua que se lles fai con estes premios os anime nos seus esforzos e sirva de exemplo para moitas outras entidades que traballan no mesmo sentido ou que son proclives a seguir os seus pasos”.
O papel da cidadanía no avance do galego
Durante o acto, que tivo lugar este serán no concello pontevedrés da Estrada, Anxo Lorenzo incidiu en que “sen a participación social non sería posible o avance da lingua galega”. Neste sentido, aproveitou para constatar “o apoio de Política Lingüística ás iniciativas de fomento do galego que parten das bases da sociedade”.
Respecto dos premiados, o secretario xeral amosou a súa satisfacción porque dous dos premiados fosen entidades do sector socioeconómico, por tratarse dun “ámbito de actuación prioritaria para a dinamización social da lingua galega”.
Acerca de Monte Cabalar Sociedade Cooperativa Galega, distinguida co Premio á Difusión da Lingua na Comarca de Tabeirós-Terra de Montes, Anxo Lorenzo gabou o feito de que a entidade “optara con normalidade pola lingua do lugar en que traballa para promover unha iniciativa pioneira no ámbito do cooperativismo”.
Recoñecemento ao uso do galego no sector das telecomunicacións
O secretario xeral tamén tivo palabras de recoñecemento para R, distinguida co Premio á Normalización no Ámbito Galego. “Que R empregue o galego –dixo– ten repercusións positivas para a propia empresa, que individualiza a súa oferta e dá unha imaxe de maior coidado e calidade”. “Mais sen dúbida –continuou–, tamén ten repercusións positivas para a lingua: aumenta o seu valor no mercado de traballo e dótaa de prestixio ao ligala a un sector moderno e emerxente como o das telecomunicacións”.
Así mesmo, o secretario xeral destacou de Olimpio Arca, galardoado co Premio á Normalización durante toda unha Vida, o seu labor “a prol da promoción do teatro en galego, tanto desde a súa faceta de autor como desde a súa faceta de mestre”. Ao fío disto, Anxo Lorenzo fixo fincapé en que, “se é importante a introdución da lingua galega en ámbitos en que aínda non ten a presenza que a todos nos gustaría, fundamental é non descoidar aqueles sectores onde está máis asentada, como o cultural, que constitúe unha canle fundamental para a dinamización social do idioma”.