O conselleiro de Educación asiste á XV edición dos premios literarios Arcebispo Juan de San Clemente, celebrada en Santiago
O galardón foi concedido por estudantes de centros educativos galegos que premiaron novelas escritas no 2009
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad asistiu está tarde á entrega dos premios literarios Arcebispo Juan de San Clemente. Nesta edición, a décimo quinta, resultou galardoada “Memorias de cidades sen luz”, de Inma López na categoría de novela en galego. Pola súa parte, en castelán premiouse a Ignacio M. Pisón por “Dientes de leche”; e en lingua estranxeira recoñeceuse “El chino”, de Henning Mankel.
No acto celebrado no IES Rosalía de Castro estiveron presentes todos os premiados, a excepción do escritor sueco, que recollerá o galardón no primeiro trimestre de 2011, xa que a súa axenda non lle permitía achegarse agora ata Santiago.
Xurado de toda Galicia
Cómpre recordar que o xurado destes premios está composto unicamente por alumnas e alumnos de bacharelato procedentes do IES Rosalía de Castro, de Santiago; o IES nº1, de Ribeira (A Coruña); o Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo); o María Soliño, de Cangas (Pontevedra); e o Xesús Ferro Couselo de Ourense.
Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “o feito de se realizar estes premios a partir da lectura dos mozos e mozas que cursan estudos nos centro de ensino da nosa terra, convérteos, dun xeito tan sinxelo como eficaz, nunha orixinal e exemplar actividade padagóxica que pon de manifesto o xerminador potencial do ensino realizado desde os ámbitos da liberdade”.
Vázquez Abad dixo que “os libros son o soporte medular do sistema educativo e neles está a orixe das liberdades individuais. Os libros son portas abertas cara o futuro, portas que ninguén poderá pechar xamais a todos cantos ansiamos o mellor nun sistema de convivencia intelixente e solidaria e no que a cultura da cooperación e da fraternidade
forma parte dos principais signos da identidade colectiva da cidadanía”, e recordou que “grazas a citas como a que cada ano convoca o Premio San Clemente, é posible a cultura da realidade a partir do fomento da imaxinación e da intelixencia”.
Insignias de ouro
Na presente edición tamén se concederon as insignias de ouro a Rosa Aneiros, por ser a escritora máis nova de todos cantos recibiron o premio San Clemente, no 2004 coa novela “Resistencia”. Tamén, a título póstumo, a José Saramago, que foi premiado no 1998 por “Ensaio sobre a cegueira”, e cuxo premio foi recollido por estudantes da Escola Secundaria de Santa Comba de Viseu- Coimbra.
As alumnas e alumnos do centro luso xunto aos do IES Ramiro de Maeztu de Madrid formaran parte do xurado desde o vindeiro ano. Estes último recolleron o galardón concedido a Mario Vargas Llosa, que xa fora premio San Clemente en 1995 con “Lituma en los Andes”. Asemade Juan Cerezo recolleu o premio concedido polo labor da Editorial Tusquets, na que traballa.