A Consellería de Educación aposta pola cultura en prevención de riscos laborais nos centros de formación profesional formará a máis de 1.000 persoas en prevención de riscos laborais

Formarase a máis de 1.000 persoas en prervención de riscos laborais, entre alumnado e profesorado de formación profesional

Dom, 07/11/2010 - 10:43

Máis de 1.000 profesores e alumnos poderán obter acreditación da súa capacitación en materia de prevención de riscos laborais grazas ás accións formativas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver neste eido.

As actividades van dirixidas a estudantes e docentes de centros educativos que imparten ciclos de FP, aos que se lles proporciona a formación necesaria para a obtención do certificado en prevención de riscos laborais de nivel básico (30 horas). Os destinatarios son o alumnado de ciclos formativos cuxos currículos aínda non teñen sido adaptados á Lei orgánica de educación (LOE) e á Lei das cualificacións e da formación profesional, incidindo naqueles que xa están a ter un requerimento por parte do correspondente sector produtivo.

Neste sentido cómpre lembrar que os estudantes dos 28 títulos LOE de FP implantados pola Consellería de Educación xa obteñen a devandita certificación ao cursar e superar o módulo de formación e orientación laboral (FOL) que inclúen os novos currículos.

Ademais, a Consellería impartirá a formación necesaria para a obtención da acreditación en prevención de riscos no sector naval, dirixida de forma especial ao alumnado de 2º curso de ciclos de FP en comarcas onde este sector ten relevancia.

Con esta iniciativa a Consellería de Educación quere implantar a cultura de prevención de riscos nos centros educativos, concienciando a alumnado e profesorado da obriga de manter unhas condutas axeitadas a este respecto nas distintas familias profesionais. Ao mesmo tempo, e debido á importancia desta formación no mundo laboral, foméntase a empregabilidade e a inserción laboral das alumnas e alumnos de ciclos de FP, que poden rematar os seus estudos coa certificación de nivel básico no seu haber.

 Guía con Alcoa

No marco deste mesmo programa de concienciación, a Consellería de Educación está a difundir en centros educativos que imparten Formación Profesional a guía ‘Prevención de riscos laborais’. Esta guía, foi creada en colaboración doa Fundación Alcoa-San Cibrao e cos IES Perdouro (Burela), IES María Sarmiento (Viveiro), e CIFP Porta da Auga (Ribadeo).

Entre os contidos da guía pódese atopar información sobre sinalización e medidas preventivas de perigos como as caídas, os riscos eléctricos, o ruído, as substancias químicas, as temperaturas extremas, ou o uso axeitado de máquinas e ferramentas. Ademais, proporcionase información de como actuar en situación de risco ou sinistralidade, con accidentados.