Trinta e tres localidades recibirán esta semana actividades do programa de dinamización lingüística Bocaberta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística estrea, dentro desta iniciativa, as propostas Atrapado na torre, Abrapalabra e os obradoiros de Galimatías

Lun, 08/11/2010 - 13:31
Trinta e tres localidades recibirán actividades do programa Baocaberta
Trinta e tres localidades recibirán esta semana actividades do programa de dinamización lingüística Bocaberta

Trinta e tres localidades galegas acollerán esta semana actividades do programa de dinamización Bocaberta, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística pretende achegar o galego á poboación máis nova. Atrapado na torre, Abrapalabra e os obradoiros de Galimatías súmanse nestes días á lista de propostas deste programa, que levará máis de 700 sesións das súas actividades por todos os concellos de Galicia.

A maxia é o eixo das dúas primeiras estreas. A editorial Everest e Chrystian Magic levan adiante Atrapado na torre , un espectáculo no que se narra como este mago coruñés chegou a ser un auténtico prestidixitador. Destinado a mozos e mozas de 9 a 13 anos, debutará o sábado 13 en Camariñas (Casa de Pedra, 12:00 horas) e, nese mesmo día, parará na Laracha Edificio de Usos Múltiples, 18:00 horas).

Tamén os trucos e as palabras centran a actividade Abrapalabra, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva a cabo en colaboración con Galaxia. Neste caso é o mago Carlos Coira o que anima os pequenos de 3 a 11 anos a gozar da maxia das palabras e o que lles ensina divertidos trucos. Na súa primeira semana de actuacións, estará hoxe en Muíños (CEIP Valle-Inclán, 10:00 horas) e en Bande (CEIP Xaquín Lorenzo Xocas , 12:30 horas), para despois pasar mañá por Castrelo do Val (CEIP de Castrelo do Val, 10:00 horas) e Cualedro (CEIP Vicente Risco, 12:30 horas). O mércores 10 será a quenda de Lobios (CEIP do Xurés, 10:00 horas) e Entrimo (CEIP Santa María a Real, 12:30 horas).

A última das novidades na oferta de Bocaberta son os obradoiros de banda deseñada ligados á revista Galimatías, de El Patito Editorial. Neles, un dos debuxantes estrela da publicación, Fran Bueno, aprenderalles a rapaces e rapazas dos 13 aos 18 anos como se fai un cómic desde o guión á cor final, pasando polos debuxos e os trucos do oficio. O primeiro destes talleres impartirase en Oleiros (Porta Aberta, Santa Cruz, 18:30 horas), o venres 12 deste mes.

Localizacións, horarios e novidades, a través da rede

Entre as trinta e tres propostas de Bocaberta para esta semana tamén se atopan novas sesións das actividades Palabras no ar, Señor Mundo, dígame?, Vive os contos, A guerra das bruxas, Contos de maxia e En clave de conto. Os horarios e localizacións de todas estas actividades de Bocaberta poden consultarse a través do boletín electrónico semanal do programa, accesible desde a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega. Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.

Menús News node R