Política Lingüística promove a incorporación do galego ao ámbito socioeconómico en colaboración con Celtic Estores

O secretario xeral Anxo Lorenzo e o director xerente da empresa, Casián García, asinaron hoxe en Moraña un convenio a prol do fomento do uso do galego na actividade comercial

Ven, 05/11/2010 - 21:03
Anxo Lorenzo asinou o acordo para o fomento da lingua
Anxo Lorenzo asinou o acordo para o fomento da lingua

“O galego é a lingua propia, maioritaria, que representa un factor positivo de mercado. O seu uso en ningún momento supón a exclusión dos que non a falan habitualmente. Pola contra, a oferta dos servizos en lingua galega resulta vital para aumentar o valor dos produtos e para mellorar a atención que as empresas lles ofrecen aos seus clientes. E esta actitude é un dos aspectos que distingue as empresas comprometidas cos valores culturais do territorio no que operan dos seus competidores”.

Así se expresou o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, durante a sinatura do convenio entre o departamento que dirixe e Celtic Estores, que tivo lugar hoxe no concello de Moraña, na sede da empresa. No acto tamén participaron, ademais do director xerente de Celtic Estores, Casián García, o fiscal superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, o presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González; e o alcalde de Moraña, José Amador Eiras, entre outros.

“Coa sinatura deste convenio –dixo Anxo Lorenzo– materializamos un grande impulso na colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Celtic Estores a prol do galego: un paso decisivo na unión entre lingua e empresa, que representa a ilusión e forza de emprendermos novos camiños no prometedor futuro de Galicia”, afirmou o secretario xeral.

Concretamente, o obxecto do convenio incide na presenza do galego en todos os niveis da actividade empresarial de Celtic Estores, como a documentación administrativa da empresa, a comunicación interna e externa, a sinalización das dependencias, as relacións internas cos traballadores, os actos sociais, as actividades formativas, a atención ao cliente etc.

Accións encamiñadas a aumentar a presenza do galego no ámbito socioeconómico

Anxo Lorenzo aproveitou a ocasión para salientar diversas accións do departamento que dirixe encamiñadas á consecución deste obxectivo, entre as que destacou os convenios de colaboración asinados con outras empresas punteiras de Galicia, como Itelsis, Egatel, Progando, Travibús Noroeste, Tuconsa ou Fegatur e o convenio coa Confederación de Empresarios de Galicia. Tamén fixo fincapé na colaboración co Foro Enrique Peinador para a organización dos encontros Empresa e Identidade, “nos que se presenta o galego como un activo empresarial e se pon en valor o compromiso das empresas que comercializan os seus produtos en galega”.

Por outra banda, o responsable de Política Lingüística recordou o novo marco legal que establece a recente Lei 1/2010, de 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á directiva europea relativa aos servizos no mercado interior. Concretamente a disposición adicional sexta, na que se establece que os prestadores de servizos que operen en Galicia “favorecerán a normalización progresiva do uso do galego na prestación dos seus servizos e deberán ofrecer aos seus destinatarios a posibilidade de manter a comunicación oral e escrita en lingua galega”.

Finalmente, o secretario xeral de Política Lingüística felicitou a Celtic Estores por “manifestar publicamente e materializar o seu desexo o seu desexo de implicarse na tarefa de promover a incorporación do uso do galego na súa actividade e nas súas ralacións comerciais e empresariais”. Ao mesmo tempo, animou as empresas, desde as máis relevantes ata as máis modestas, a sumarse ao compromiso co galego, xa que “o futuro da lingua tamén se xoga no sector socioeconómico”.

Menús News node R

Departamento

Colectivo