A Consellería de Cultura e Educación investirá case 1,3 millóns de euros na ampliación do IES de Teis (Vigo)

O obxectivo é mellorar as instalacións do centro para a súa adaptación á nova FP Básica e aos ciclos formativos de 2.000 horas

O centro contará, ademais, cun dos mellores tipos de conectividade á rede, ao ter xa solicitada a Amtega unha velocidade de 200Mbps

Ven, 04/09/2015 - 17:38

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previsto reservar unha partida dos orzamentos de 2016 para a ampliación do IES de Teis (Vigo), unha obra cun orzamento total de case 1,3 millóns de euros. Así o explicou hoxe no Parlamento de Galicia o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, quen sinalou que o obxectivo desta actuación é mellorar as instalacións do centro dedicadas aos ciclos formativos, especialmente no que atinxe á implantación da FP Básica e dos graos de 2.000 horas.

Neste sentido o director xeral lembrou que o IES de Teis é un centro de referencia na cidade da oliveira nas familias profesionais de Imaxe Persoal e Informática e Comunicacións. Non en balde, oferta case o 100% dos ciclos existentes na nosa Comunidade nesas dúas ramas, ben sexa no réxime modular ou no ordinario, froito da aposta da Consellería por fortalecer estas ensinanzas.

Ademais, Manuel Corredoira explicou que o IES vai contar cun dos mellores tipos de conectividade dispoñibles para centros educativos, xa que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten xa en marcha os trámites para que antes de fin de ano goce dunha conexión de fibra óptica unha capacidade de 200 Mbps de baixada e 25 Mbps de subida.

Melloras e novos espazos

Segundo o indicado polo director xeral a ampliación do IES de Teis consistirá na construción dun novo espazo con 3 andares, nos que situarán aulas e talleres para os ciclos formativos, así como dúas aulas de diversificación e unha de pedagoxía terapéutica. En total a zona de nova edificación tería unha superficie de preto de 1.200 metros cadrados.

Así mesmo, está previsto realizar outras melloras e traballos de mantemento nas instalacións do IES, entre elas o traslado da caldeira de calefacción a outra ubicación.

Tendo en consideración estas actuacións, o director xeral confiou en que o resultado das obras e da posta en marcha dunha nova conexión á internet redundarán nun claro beneficio para Vigo e para este centro de referencia.