O Consello para a Convivencia Escolar de Galicia aproba a estratexia “educonvives.gal” e dota a toda a comunidade educativa dunha guía básica de urxencias

Román Rodríguez presidiu hoxe a segunda sesión plenaria deste órgano, no que tamén se presentaron orientacións para dotar aos centros dunhas ferramentas que axilicen o proceso en caso de conflito, favorecendo os procedementos conciliados
Este foro, de carácter consultivo, abordou tamén a necesidade de redactar un documento de actuación referido á protección de datos persoais e identidade dixital
Ven, 04/09/2015 - 11:31
O Consello para a Convivencia Escolar de Galicia aproba a estratexia “educonvives.gal” e dota a toda a comunidade educativa dunha guía básica de urxencias
O Consello para a Convivencia Escolar de Galicia aproba a estratexia “educonvives.gal” e dota a toda a comunidade educativa dunha guía básica de urxencias

Baixo a presidencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia aprobou hoxe o primeiro documento que se someteu á súa consideración, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, cuxo obxectivo é fornecer o profesorado, nais, pais e equipos directivos -fundamentalmente- dunha serie de recursos que lles permitan afondar na mellora da convivencia escolar, desde unha óptica integral e inclusiva. Nesta liña, búscase facilitar orientacións para actuar con rapidez e eficacia diante de eventuais situacións problemáticas para a convivencia, así como a súa prevención a través de formación en materia de saúde, identidade dixital, etc. A estratexia contou co voto favorable de todos os membros do Consello, agás do do representante da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Neste contexto, un dos cinco eixes que configuran esta folla de ruta en materia de convivencia recolle a posta en marcha dun Protocolo para a Actuación en Urxencias sanitarias e Atención educativa ao alumnado con Enfermidades crónicas, avanzado na anterior sesión e co visto e prace agora nesta para poder remitirllo canto antes a todos os centros e, deste xeito, poñelo a disposición de toda a comunidade educativa.

Un documento de axuda e orientación

Trátase dunha guía, elaborada por e para docentes coa aprobación das autoridades sanitarias, que busca mellorar a resposta ante situacións de emerxencia ou accidentes que poidan xurdir, facilitando orientación sobre as diferentes casuísticas, e sempre da man dos servizos de urxencias. É, por tanto, un documento pensado para toda a comunidade educativa, que axudará a aprender e actuar con nocións básicas para unha primeira intervención, realizando deste xeito un exercicio de cidadanía responsable.

Ademais, o protocolo tamén inclúe procedementos para atender as eventualidades en caso de alumnado con condicións crónicas. Neste ámbito, redactaranse addendas específicas para cada unha delas; a primeira delas, referida á diabete, expúxose hoxe na reunión.

Entre as recomendacións recollidas neste protocolo –no que tamén, entre outras cuestións, se inclúe o listado de produtos que debe conter unha caixa de primeiros auxilios e que todo centro educativo debe ter.

Respecto á intimidade dos demais

Dentro deste terceiro eixe da estratexia, e a maiores do xa existente Protocolo de acoso escolar e ciberacoso –unha ferramenta na que a Xunta de Galicia foi pioneira á hora de poñela en marcha–, tamén se inclúe a elaboración dun protocolo sobre a protección de datos persoais e a identidade dixital no uso, por exemplo, das redes sociais.

De feito, este órgano consultivo abordou a necesidade de comezar coa redacción deste documento de actuación, co fin de protexer non só a intimidade e o honor propio do menor, senón tamén facer que este último respecte a dos demais compañeiros.

Aposta pola conciliación nos conflitos

Por outro lado, os membros do Consello tamén analizaron as orientacións de conciliación e medidas correctoras, cuxa finalidade é dotar aos centros dunhas ferramentas para axilizar e facilitar o procedemento en caso de conflitos. Contemplada no eixe cinco da Estratexia, o profesorado contará cunha guía que facilitará tanto a xestión de expedientes e medidas correctoras a través do procedemento común ou do procedemento conciliado, favorecendo así a normalización, a axilidade e a fluidez neste tipo de situacións.

En todo caso, pártese coa idea de potenciar a vía da conciliación, pormenorizando as fases e as actuacións a seguir. Mediante este procedemento, no que as partes deberán estar de acordo, chegarase a un consenso sobre as medidas correctoras a adoptar, logo de analizar as circunstancias do conflito.

Ademais, terase en conta a petición de desculpas por parte da alumna ou do alumno, fomentando a abordaxe construtiva das situacións de conflito, como unha oportunidade máis para aprender e medrar como persoas e comunidade.

Así as cousas, este procedemento conciliado pretende favorecer a implicación e o compromiso do alumno ou alumna corrixido/a e da súa familia, ofrecer a posibilidade de que a persoa agraviada se sinta valorada, axudar a consensuar as medidas correctoras e facilitar a inmediatez da corrección educativa.

O Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia, que celebrou hoxe a súa segunda sesión plenaria, é un órgano de carácter consultivo creado ao abeiro do decreto polo que se desenvolve a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar; e que ten por obxectivo asesorar e apoiar a toda a comunidade escolar para mellorar o clima nas aulas.