A campaña de deporte escolar da Xunta ‘Xogade’ 2010/2011 incorpora cinco novos programas e novas modalidades deportivas e lúdicas, ademais do seguro deportivo gratuíto para os deportistas federados de 6 a 16 anos
O conselleiro de Educación e o secretario xeral para o Deporte presentaron hoxe en Outes unha nova edición deste programa
A campaña de deporte escolar da Xunta Xogade incorpora este curso 2010-2011 dúas novas modalidades deportivas, un seguro deportivo gratuíto para todos os deportistas federados de 6 a 16 anos, novas actividades lúdicas, visitas de técnicos de clubs aos centros escolares, dúas exposicións itinerantes e premios aos centros cunha maior participación no programa. Así o anunciaron esta mañá en Outes o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que presentaron unha nova edición deste programa.
José Ramón Lete explicou que Xogade pasará este curso de 2 programas a 7: actividade deportiva, lúdica, actividade deportiva federada, Coñece o meu club, Educación, deporte e valores, Xogos populares, e premios a centros escolares. Así, en actividade deportiva incorporaranse dúas novas modalidades deportivas –beisbol e sofbol-; en lúdica pasarase de 7 a 13 actividades; comezará a campaña Coñece o meu club na que técnicos de diferentes clubs visitarán os centros escolares da súa zona; poñeranse en marcha as exposicións itinerantes Educación, deporte e valores e Xogos Populares; e concederanse premios aos centros educativos cunha maior participación na campaña Xogade.
Un programa “prioritario e estratéxico” para a Xunta
O secretario xeral para o Deporte asegurou que o traballo e o compromiso da Xunta coa práctica da actividade físico-deportiva por parte dos rapaces galegos é “prioritario e estratéxico”. “O esforzo gobernamental, coa implementación de novas actividades e programas, ou coa cobertura pola Secretaría Xeral para o Deporte do seguro deportivo de todos os deportistas federados de 6 a 16 anos, dan boa mostra dese carácter estratéxico do deporte escolar para o actual Goberno da Xunta de Galicia”, afirmou.
Así, Lete Lasa explicou que con Xogade se busca “porqué non, ás futuras estrelas do deporte galego”, pero “sobre todo concienciar aos nosos rapaces, protagonistas do futuro de Galicia, do papel tan determinante que a práctica deportiva ten na vida”. “Diversión, espírito de equipo, solidariedade e compañeirismo, ou vida saudable, son ensinanzas que Xogade quere levar a todos vós, rapaces e rapazas galegos”, destacou na presentación do programa.
O secretario xeral salientou o rápido crecemento destas actividades deportivas nas que o curso pasado participaron 57.197 escolares, un 25% máis que o ano anterior. Así, o curso 2009-2010 o 26% dos escolares galegos participaron no itinerario deportivo de Xogade, 21.658 na Coruña, 7.071 en Lugo, 7.874 en Ourense, e 20.594 en Pontevedra. No itinerario lúdico, programa que arrancou o curso pasado, participaron máis de 22.000 escolares galegos.
O deporte, “unha formidable aula de formación”
O conselleiro de Educación destacou os valores do deporte como “unha formidable aula de formación nos valores éticos que engrandecen e melloran os vimbios da condición humana”. “O deporte é para a paz e serve como plataforma de elevación dos mellores valores que garda no seu interior o ser humano; o deporte encerra, no seu máis auténtico sentido, unha lección de vida; o deporte é, en fin, un medio para o coñecemento dun mesmo: das súas limitacións pero tamén das súas capacidades, do seu potencial para asumir os retos e desafíos que a vida a miúdo pon perante de todos nós”, sinalou.
Xesús Vázquez Abad salientou a importancia da actividade deportiva na engranaxe dos centros educativos. “A convivencia deportiva nos centros educativos é un reflexo da convivencia en sociedade, coas súas contradicións e cos seus problemas pero tamén cos seus anceios de superación e arelas de benestar social”, manifestou.
Así, referiuse a “gran lección” do programa Xogade. “Unha lección que ha de servirnos a todos, sen excepción, para seguirnos loitando por un sistema educativo cada vez máis avanzado e solidario, cada vez mellor e máis capaz”, concluíu.