Os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia ‘Variacións sobre a lectura’ reúnen a máis de 1.100 persoas

O subdirector xeral de Centros da Consellería de Educación inaugurou estas xornadas, que se celebran en Santiago de Compostela

Ven, 29/10/2010 - 19:23

Máis de 1.100 persoas reúnense esta fin de semana nos os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, que se celebran ata mañá no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. O subdirector xeral de Centros, Francisco Castro, inaugurou hoxe estes encontros, organizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Neste acto, o subdirector xeral de Centros agradeceu aos presentes “o voso interese na formación continua, que manifestades ao asistir a esta actividade coma esta”. Ademais, destacou o éxito da xornadas que, desde a primeira vez que se celebraron “veñen convocando en Compostela a un número cada vez maior de profesoras e profesores interesados por mellorar a súa formación, dispostos a reflexionar xuntos e compartir experiencias e coñecemento arredor do tema da lectura e das posibilidades da biblioteca escolar, como recurso para unha ensinanza de calidade”.

Así mesmo, Castro lembrou a importancia da dinamización das bibliotecas xa que “o alumnado precisa ler mellor, comprender mellor o que le, e adquirir maiores hábitos de lectura e de escritura, para poder acadar mellores resultados académicos, para lograr éxitos no persoal, no académico, no social; pero tamén para ser membros activos e críticos nunha sociedade que queira seguir sendo libre”.

Neste sentido, o subdirector xeral de Centros explicou que a Consellería está a desenvolver unha estratexia de fomento da lectura, a través de diversos programas, co fin de converter as bibliotecas escolares en centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe. Así, adiantou que o orzamento previsto para o vindeiro ano 2011 pola Consellería de Educación  para bibliotecas escolares e fomento da lectura supera os 2,3 millóns de euros, o que supón multiplicar por dous os recursos destinados a este fin, “á vista da excelente acollida que están a ter entre as comunidades educativas todas as iniciativas que se levan a cabo neste ámbito, e a necesidade de apoiar ao profesorado que está traballando nelas”.

Baixo o lema ‘Variacións sobre a lectura’,  estas xornadas constitúen unha oportunidade para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo en centros escolares galegos arredor da lectura. Así, trátase dun punto de encontro do gran colectivo galego das bibliotecas escolares para seguir ampliando as posibilidades de colaboración nun eido de tanta importancia en tempos de mudanzas tecnolóxicas.

Este encontro está inserido nas accións contempladas no PLAN LÍA (Lectura, Información, Aprendizaxe) - 2010/2015, de Bibliotecas Escolares, que está a desenvolver a Consellería de Educación. Neste marco, continúa a medrar o PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares), con 375 centros integrados neste curso 2010/2011, dos que 79 son de nova incorporación. Ao tempo desenvólvense outras medidas destinadas a estabilizar as bibliotecas escolares, como recursos para a aprendizaxe e a innovación pedagóxica dentro dos centros educativos.

Experiencias e relatorios

Durante os dous días nos que se desenvolverá este encontro, haberá diversos relatorios, debates e intercambio de experiencias acadadas na Rede de bibliotecas escolares de Galicia.

Tras o acto inaugural, será a profesora de Literatura infantil e xuvenil e de Didáctica da Literatura na Universitat Autónoma de Barcelona, Teresa Colomer, a encargada de impartir a primeira conferencia, baixo o título ‘Unha infancia de 500 libros’.  O programa da tarde do venres pecharase coa presentación de experiencias, de forma simultánea, por parte de 5 centro educativos, arredor da bibliotecas escolar como espazo para a aprendizaxe e o fomento da lectura.

Xa o sábado, a xornada comezará coa mesa redonda ‘Cultura impresa e cultura dixital’, dirixida polo presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado; e polo editor dixital e socio fundador do portal cultural Dosdoce.com, Javier Celaya. Posteriormente haberá un segundo panel de experiencias, no que 9 centros presentarán as súas visión sobre as relacións entre a biblioteca escolar e o tratamento do currículo educativo. Estes paneis de experiencias rematarán pola tarde cun terceiro no que outros 9 centros debaterán as distintas formas para implicar á comunidade escolar na formación dos lectores e das lectoras, a través de programas impulsados pola Consellería como son ‘Hora de Ler’, as mochilas viaxeiras, os clubs de lectura, os apadriñamentos lectores, e diversas colaboración tanto dentro como fóra do centro educativo.

Por último, o relatorio final será impartido polo director do Instituto de Cultura e Tecnoloxía da Universidade Carlos III de Madrid, e directo do grupo de traballo de EducaRed sobre formación do profesorado en Tecnoloxía Educativa, Antonio Rodríguez de las Heras, coa conferencia ‘Os camiños de transformación da lectura e da escritura’.

Declaracións do subdirector Xeral de Centros, Francisco Castro (1)

Declaracións do subdirector Xeral de Centros, Francisco Castro (2)

Menús News node R