A Consellería de Educación continúa a rolda de contactos por mor das bases para a elaboración do Decreto do Plurilingüismo

O conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística recibiron hoxe a os representantes de asociacións de pais e nais de alumnos

Mér, 20/01/2010 - 21:11
Reunión coas asociacións de pais e nais
Reunión coas asociacións de pais e nais

O Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, continuaron hoxe coa rolda de contactos con asociacións relacionadas coa Educación, coas que se está a falar sobre a as bases para elaborar do Decreto do Plurilingüismo. Deste modo, continúase coas entrevistas iniciadas onte e nas que, e ata o vindeiro luns, se escoitarán as suxestións de representantes políticos, académicos, sindicais, e das asociacións de pais.

As reunións de hoxe, mantidas na Consellería de Educación, foron con membros da Federación Olívica de Asociación de Nais e Pais de Alumn@s (FOANPAS); a Confederación Galega de APAs (CONGAPA); coa Confederación Española de Centros de Enseñanza (CECE); a Confederación Católica de Federacións de Asociacións de Pais de Alumnos e Familias (CONFAPA); así como coa Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSI- CSIF) e coa Federación de Sindicatos Independentes da Ensinanza(FSIE). Tamén foron recibidos os representantes da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística, de a Mesa porla Libertad Lingüística, a Xunta Autonómica de Directores e Galicia Bilingüe.

A todos eles agradeceuselles o esforzo realizado por estar presentes en ditos encontros e por responder á invitación realizada desde o Goberno co obxectivo de escoitar todas as opinións e valoracións realizadas en torno ao Borrador do Decreto do Plurilingüismo. O conselleiro de Educación fixo un balance "totalmente positivo" do segundo día de reunións. Nese sentido, Xesús Vázquez quixo expresar o seu agradecemento "a todos os grupos, organismos e institucións que falaron connosco", e reiterou que "estamos abertos, como Goberno e como conselleiro de Educación a negociar as bases para ese futuro Decreto, para chegar a un punto de encontro. O único que lle pedimos á xente e que entenda a realidade, e que non intente impoñer os seus puntos de vista desde posicións meramente políticas".