A Consellería de Educación acada un acordo co ensino concertado sobre a paga extra de antigüidade

Xov, 28/10/2010 - 19:36

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria acadou un acordo co ensino concertado sobre a paga extra de antigüidade. Unha acción que contou co visto bo das organizacións sindicais e patronais.

No encontro da Comisión Tripartita do ensino concertado celebrado hoxe, na Consellería de Educación, chegouse a un acordo polo que se recolle o procedemento para facer efectiva a paga extraordinaria á que teñen dereito os profesores destes centros educativos.

Así o consideraron a organizacións sindicais que votaron a favor: CCOO; FETE- UXT; USO; e FSIE. O mesmo aconteceu coas patronais: Educación e Xestión; CECE-Galicia; e ACES- Galicia. A CIG- Ensino foi a única excepción xa que non o subscribiu.

Este acordo era demandado polo persoal docente desde o ano 2007, cando o V convenio colectivo do ensino privado concertado recoñece o dito dereito aos traballadores con 25 anos de antigüidade na empresa.