A Consellería de Educación premia o esforzo e dedicación do alumnado cos premios extraordinarios de Bacharelato

Os estudantes interesados en concorrer a esta convocatoria poderán facelo ata o 2 de novembro

Mér, 27/10/2010 - 14:51

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, recoñecerá o esforzo e dedicación ao estudo das alumnas e alumnos que remataron o pasado curso o Bacharelato, a través da concesión de 19 premios extraordinarios aos resultados obtidos nestas ensinanzas, aos que a Xunta de Galicia destina este curso unha dotación dun 36,6% máis respecto do ano anterior.

Poderá presentarse a estes premios todo o alumnado que rematou bacharelato nun centro educativo galego e teña unha media de 8,75 puntos no seu expediente académico. O prazo de presentación da solicitude para participar remata o 2 de novembro e a proba de selección para obter un dos premios desenvolverase nas capitais de provincia o 16 de novembro de 2010. A convocatoria pódese consultar no portal educativo da Xunta de Galicia, no enderezo web https://www.edu.xunta.es/premiosbac/.

Probas

Para obter algún destes 19 galardóns, - un por cada mil alumnos matriculados no curso 2009-2010 en segundo de bacharelato- as alumnas e alumnos deberán superar unha proba, que se estrutura en dúas partes. A primeira delas dividirase na análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario; e na resposta a cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato.

Na segunda das partes, os estudantes desenvolverán temas e responderán a cuestións e exercicios dunha materia propia da modalidade cursada, a elixir entre técnicas de expresión gráfico-plástica, debuxo artístico II, historia da música e danza, literatura universal, matemáticas II, bioloxía, física, química, xeografía, latín II, historia da arte ou matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II. Pola súa banda, quen finalizaran ensinanzas profesionais de música e danza - e obtivesen o título de bacharelato tras superar as materias comúns-  examinaranse nesta segunda parte de historia da música e danza. Os exercicios da proba cualificaranse entre 0 e 10 puntos, cun decimal, e a puntuación total será a suma de cada unha das cualificacións obtidas.

Co fin de valorar publicamente os comportamentos excepcionais dos alumnos e alumnas dos alumnos que acaden estes premios, a Consellería de Educación entregaralles un diploma acreditativo de telos obtido, recoñecemento que figurará tamén no seu expediente académico. Ademais, os galardoados recibirán unha dotación económica, e estarán exentos do pagamentos dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público.

Menús News node R

Colectivo

Ensinanza