A Consellería de Educación asiste á presentación das candidaturas galegas ao Campus de Excelencia Internacional 2010
No acto estivo presente o conselleiro, Xesús Vázquez Abad, que se mostrou orgulloso e satisfeito tras a presentación destes proxecto fundamentais para Galicia
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria asistiu hoxe á presentación do Campus do Mar e do Campus Vida como proxectos que optan a obter a cualificación de Campus de Excelencia Internacional, por primeira vez e na modalidade de consolidación, respectivamente. O acto tivo lugar en Madrid, e nel tamén estivo presente o secretario xeral de Universidades da Consellería, José Alberto Díez de Castro. Durante o acto, o conselleiro mostrouse orgulloso e satisfeito tras a presentación duns proxectos que definiu como fundamentais para acadar a excelencia a través da agregación, especialización e internacionalización das universidades; e polo tanto, para o futuro de Galicia.
A presenza dos representantes da Administración galega volve a demostrar o seu compromiso co Sistema Universitario de Galicia (SUG), co fin de velar pola súa excelencia e facer da universidade o motor fundamental para a construción dunha Galicia de futuro e preparala para afrontar os retos do século XXI.
Na xornada de hoxe os ministros de Educación e Ciencia, Ángel Gabilondo e Cristina Garmendia, respectivamente; recibiron a todos os asistentes a este encontro de presentación na sede do CSIC, e no que tamén interveu o secretario xeral de Universidades, Marius Rubiralta.
Nova convocatoria e consolidación
A resolución da presentación de hoxe darase a coñecer, este xoves, 21 de outubro, tanto para os proxectos que se presentan para acadar por primeira vez a denominación de Campus de Excelencia – o caso do Campus do Mar-, como para os que o fan para mellorar a súa cualificación –Campus Vida-.
O proxecto de consolidación do Campus Vida –da Universidade de Santiago de Compostela- foi o primeiro en ser presentado, mentres que o Campus do Mar – liderado pola Universidade de Vigo, e que opta por primeira vez a esta cualificación- foi presentado en cuarto lugar. Ambos os dous tiveron unha exposición de dez minutos de duración, a través da proxección dun vídeo, do mesmo xeito que aconteceu co resto das candidaturas.
Xunto ao proxecto liderado pola Universidade de Vigo, outras doce candidaturas pasaron a primeira fase do concurso da convocatoria de 2010. Tamén participaron, xunto á Universidade de Santiago, os representantes de outros oito proxectos seleccionados na convocatoria do ano pasado e que agora aspiran a mellorar a súa cualificación.