500 profesionais do pequeno comercio mellorarán as súas competencias lingüísticas grazas aos cursos monográficos subvencionados polas Consellerías de Educación e Economía e Industria

As accións formativas desenvolveranse nas Escolas Oficiais de Idiomas

Mér, 20/01/2010 - 16:03
Cursos de linguas estranxeiras para comercio e marketing
Cursos de linguas estranxeiras para comercio e marketing

Os profesionais galegos e galegas das áreas de comercio e marketing poderán mellorar os seus coñecementos de linguas estranxeiras, grazas aos cursos monográficos destas linguas que van impartir as Escolas Oficiais de Idiomas, ao abeiro dun acordo de colaboración entre as Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, e de Economía e Industria.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema; e a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez; explicaron en rolda de prensa que o obxectivo desta iniciativa é mellorar a capacitación profesional destes traballadores, tendo en conta ademais as circunstancias excepcionais que se viven este ano en Galicia, coa celebración do Xacobeo 2010, que implica a chegada de milleiros de turistas. Deste xeito, a Xunta de Galicia comprométese a garantir ademais a atención axeitada a todos os viaxeiros e viaxeiras que visiten a nosa terra co gallo deste evento.

Reactivación do pequeno comercio

En virtude deste acordo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ofertará diversas actividades formativas monográficas, dirixidas de forma específica ao persoal do pequeno comercio, nas EEOOII de toda a comunidade galega. Desta maneira, explicou Mira Lema, Educación optimiza os recursos docentes destes centros de ensinanza de idiomas, poñendo a disposición de todos os galegos e galegas unha oferta formativa adaptada ás súas necesidades, e ás esixencias da sociedade do século XXI.

Por outra banda, tal e como explicou Nava Castro, estas actividades responden aos obxectivos do Plan Ágora, Agora Recomercia, que a Dirección Xeral de Comercio vén de deseñar, un paquete de medidas de apoio e reactivación do pequeno comercio que se aplicará nos próximos catro anos, orientado a potenciar a profesionalización, a competitividade e a dinamización do comercio tanto urbano como das zonas do rural. Este Plan contempla un programa para a mellora da cualificación profesional dos traballadores do comercio, incidindo en aspectos como técnicas de venda, trato ao cliente, emprego de novas tecnoloxías e coñecemento de linguas estranxeiras para mellorar tamén a atención ofrecida.

''Apostamos por un comercio moderno, actualizado e profesional e por iso animamos a todos os comerciantes a se beneficiar desta iniciativa que lles permitirá estar máis preparados para este ano Xacobeo, no que Galicia recibirá visitantes de todas as partes do mundo'', explicou a directora xeral de Comercio durante o acto de presentación.

Gratuidade total

Para facer realidade estas metas, a Consellería de Economía e Industria achegará 40.000 euros, destinados á organización e desenvolvemento dos devanditos cursos. Deste xeito, os alumnos e alumnas poderán gozar deles de xeito totalmente gratuíto.

Estes estudos vanse impartir en toda a Comunidade galega, aproveitando as instalacións das distintas EEOOII, así como o seu profesorado e materiais. Deste xeito, na da Coruña celebraranse cinco cursos de inglés e un de francés, na EOI de Lugo terá lugar un cursos de inglés, en Ourense haberá dous cursos de inglés na propia cidade e outro na sección do Carballiño (IES Manuel Chamoso), en Vigo impartiranse tamén dous cursos de inglés, así como na EOI de Ribadeo e de Vilagarcía e na EOI de Santiago, sección IES do Sar, así como un curso de francés, este último idioma tamén se impartirá en Viveiro. Por outra banda a EOI de Ferrol será a única que conte con cursos en inglés, francés e portugués.

Coa intención de adaptarse ás diferentes necesidades e dispoñibilidades horarias do alumnado, as EEOOII ofertarán cursos de 60, 40 e 30 horas. A oferta para mellorar as competencias en inglés está composta por 15 cursos, o que supón 375 prazas dispoñibles; mentres que no caso do francés serán 4 os cursos, e 100 as prazas a cubrir. Ademais, haberá un monográfico de portugués para 25 profesionais. En total, 500 profesionais do pequeno comercio que poderán beneficiarse destas accións formativas.

Con esta nova oferta, a Consellería de Educación volve deixar patente o seu compromiso co fomento do coñecemento das linguas do noso entorno, algo que xa quedou patente na reordenación das Escolas Oficiais de Idiomas, grazas á que foi posible atender este curso a case 3.400 estudantes máis que o anterior ano académico; e que agora pon a disposición destes profesionais cursos monográficos en linguas estranxeiras. Os profesionais que estean interesados en participar nesta iniciativa poden obter máis información na páxina web da Dirección Xeral de Comercio e deberán formalizar as súas inscricións a través do correo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es ou do fax 981 54 55 41.

Menús News node R