Política Lingüística levará máis de 700 actividades por toda Galicia para promover o uso do galego entre os máis novos

Farao a través do programa Bocaberta 2010-2011, que foi presentado hoxe en Santiago de Compostela polo secretario xeral Anxo Lorenzo

Ven, 15/10/2010 - 14:25
Política Lingüística levará máis de 700 actividades por toda Galicia
Política Lingüística levará máis de 700 actividades por toda Galicia para promover o uso do galego entre os máis novos

Máis de 700 actividades, repartidas por toda Galicia e dirixidas a rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos, integran este ano o programa Bocaberta, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística avanzou hoxe en Santiago de Compostela.

O responsable deste departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá a iniciativa, en presenza de representantes das 14  entidades que participan en Bocaberta 2010-2011, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas. Entre os asistentes tamén se encontraba o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López.

O secretario xeral agradeceu “a dedicación e os esforzos” de todas as entidades que participan en Bocaberta, así como a colaboración no programa da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura e da Secretaría Xeral de Medios. Neste sentido, Anxo Lorenzo incidiu en que, “dalgún xeito”, a participación de todas estas entidades no programa Bocaberta é un reflexo do que aspiramos a conseguir na sociedade: o traballo ilusionado e conxunto de actores ben diversos a prol dun obxectivo común: o presente e o futuro do galego, a lingua que nos une a todos”.

Durante a súa intervención, Anxo Lorenzo tamén afirmou que “Bocaberta 2010-2011 trae consigo un renovado interese da Secretaría Xeral de Política Lingüística por traballar man a man cos axentes dinamizadores do ámbito local, nomeadamente os técnicos de normalización lingüística dos concellos”; un camiño de colaboración “acorde con outras vías de actuación da secretaría, como a recente creación da Rede de Dinamización Lingüística para este ámbito”, engadiu Anxo Lorenzo.

Unha ampla tipoloxía de actividades

A natureza das actividades de Bocaberta 2010-2011 responde aos intereses dos nenos e dos mozos e cobre un amplo abano de tipoloxías. As dirixidas aos adolescentes están relacionadas coa música pop, coa literatura fantástica, coas tecnoloxías da información e da comunicación ou coa banda deseñada. Para os máis pequenos, o programa Bocaberta ten música, teatro, monicreques e maxia.

Algunhas destas accións xiran arredor da música pop, como os concertos do grupo Azou, de nova creación, que irán precedidos de cadanseu obradoiro de hip hop. Detrás da canción é outro obradoiro, organizado en colaboración con Eme2, que está destinado a aprenderlles aos mozos como crear, gravar e difundir música en galego cos recursos que ofrecen as tecnoloxías da información e da comunicación. Cada un dos talleres programados para Detrás da canción, a cargo de Projecto Mourente, irá seguido dun concerto do grupo The Homens.

Se as iniciativas anteriormente sinaladas se dirixen a un público adolescente, outras actividades musicais están pensadas para os máis cativos. É o caso dos concertos do grupo Mamá Cabra, organizados xunto coa editorial Galaxia, e da actividade En clave de conto, de OQO editora, que levará a cabo un divertido musical. Estes dous eventos irán acompañados de obradoiros para nenos e as súas familias nos que se requirirá a participación activa dos asistentes.

A estas actividades musicais súmase o obradoiro de xogos e cancións Canta música!, que a secretaría xeral levará adiante con Pablo Díaz.

Os mundos da maxia e da banda deseñada

A banda deseñada, elemento de interese dentro da cultura xuvenil, centra o obradoiro Ti creas a historia, impartido por Anxo Fariña, e as accións arredor da revista Galimatías (publicada por El Patito Editorial), que inclúen a propia difusión da revista, o web a ela asociado e os obradoiros impartidos por Fran Bueno.

Outras propostas xiran arredor da maxia. Son Atrapados na torre, de Everest, Contos de maxia, de Xerais, e Abrapalabra, de Galaxia.

Obradoiros de oralidade e de escrita creativa

Co fin de fomentar a expresión en galego, programouse a actividade Palabras no ar, na que colabora a editorial Kalandraka. Consta de obradoiros de oralidade, de escrita creativa e de gráfica creativa e mais dun web e de diversas emisións radiofónicas que permitirán difundir o froito do traballo neles realizado. A fomentar a expresión oral en galego tamén se dirixe o obradoiro de teatro e o recital de poesía programados da man da editorial Tambre na actividade Señor mundo, dígame? Os monicreques de Cachirulo representarán El-rei Artur e a abominable dama na actividade Vive os contos.

Tamén será posible participar, no marco do programa Bocaberta, nunha xincana que terá continuidade a través das actividades en liña dun web especialmente creado para a ocasión. Nesta actividade, Política Lingüística irá da man da editorial Rodeira e da empresa de servizos lingüísticos Reverso.

En total, 747 accións que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará por todos os concellos de Galicia e coas que ten previsto chegar a máis de medio millón de rapaces e rapazas entre este mes de outubro e maio de 2011.

Promover o uso do galego entre as franxas de idade máis novas

A través do programa Bocaberta, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca crear espazos de uso e aprendizaxe do galego ligados ao lecer, á modernidade e aos intereses dos nenos e dos mozos para promover unha imaxe positiva do idioma e sensibilizar sobre a utilidade e o valor da lingua propia de Galicia.

Menús News node R